Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 19.08.2017 Actualizado 16:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Sanidade estima nun 88,9% os recursos operativos hospitalarios este verán

O BNG pide que se "deixe de xogar cos datos" e se publiquen porque "o pobo ten dereito a saber que se fai cos seus recursos"

SANTIAGO. EP  | 18.05.2017 
A- A+

A Consellería de Sanidade estima nun 88,9 por cento os recursos hospitalarios dispoñibles no verán en Galicia, o que supón "14 puntos máis de ocupación que en anos anteriores".

Así o destacou este xoves en comisión parlamentaria o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, quen insistiu en distintas respostas a varios puntos que "as camas non se pechan", senón que "están todas nas habitacións para cando sexa necesario".

"As camas non se pechan, están todas dispoñibles de acordo coas necesidades", reiterou en varias ocasións o director xeral, quen manifestou, en resposta a unha pregunta do BNG, que o Sergas realiza unha "planificación segundo as necesidades".

Aboal, así mesmo, matizou que no verán se planifica contando coas vacacións dos profesionais, así como con "as obras e actuacións preventivas ou reparadoras que noutra época é difícil levar a cabo".

Nesta liña, defendeu que o Sergas "adopta medidas de xestión pertinentes" co fin de "manter e garantir a necesidade asistencial". Así, reiterou que a planificación leva a cabo "en base a indicadores asistenciais".

O director xeral tamén subliñou que a planificación estival "non ten" como finalidade "obxectivos económicos", senón que representa "un conxunto de medidas de xestión que se adapta á realidade estival e preserva a eficacia". Por iso, recalcou que non gastan o diñeiro público "onde non fai falta".

"FALTA Á VERDADE"

A parlamentaria do BNG autora da pregunta sobre as camas dispoñibles no verán, Montse Prado, reclamou "transparencia" e que o Sergas ofreza datos.

Respecto diso, sinalou que o "peche de camas" leva "consecuencias" como "o incremento das listas de espera, a saturación de urxencias" ou unha maior presión para os traballadores ou o desprazamento de profesionais duns servizos a outros. A iso sumou a derivación a centros privados. "O obxectivo que persegue o PP á fronte da Consellería de Sanidade; que non haxa sanidade pública operativa".

Prado reprochou ao director xeral, tras a súa primeira intervención, que fixese "unha burla" e "un insulto, propio dunha barra dun bar". "Non é propio dun goberno democrático", espetou. "É unha burla e falta á verdade", recriminou a parlamentaria do Bloque.

"Deixe de xogar cos datos e públiqueos", reclamou Prado, despois de que a presidenta da comisión fixese un inciso na súa intervención para aclarar que "non foi ningún tipo de burla". "Pídolle transparencia", abundou Prado, para matizar que "o pobo ten dereito a saber que se fai cos seus recursos".

Con todo, o director xeral insistiu en que agora se atopan coa planificación. Deste xeito, lembrou que o ano pasado por esta época estimouse nun 87,9% os recursos operativos para o verán "cando a realidade de ocupación" neses meses foi do 75 por cento, segundo engadiu.

Para este verán estimou un 88,9 por cento que se usarán, planificación que supón case 14 puntos máis que a ocupación de anos anteriores, segundo matizou. O resto das camas, segundo puntualizou, están "dispoñibles en todo momento" e "todos terán unha" cando a necesiten.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS