Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Sanidade mantén o peche do paritorio de Verín

Profesionais do hospital critican que se "desatenden" alternativas // Representantes da comisión de centro ven unha "perda de tempo" a reunión con Almuiña, que aduce "seguridade" para manter a decisión

Reunión co conselleiro de Sanidade sobre o peche do paritorio de Verín - FOTO: EUROPA PRESS
Reunión co conselleiro de Sanidade sobre o peche do paritorio de Verín - FOTO: EUROPA PRESS

OURENSE. EP  | 03.12.2019 
A- A+

A Consellería Sanidade reafírmase na súa decisión de pechar o paritorio de Verín, mentres que profesionais e membros da comisión do hospital deste municipio ourensán criticaron, á súa saída dunha reunión co conselleiro Jesús Vázquez Almuiña, que se "desatenden as súas alternativas" para evitar a clausura da sala.

Algúns representantes da comisión reuníronse este luns na Subdelegación da Xunta de Galicia en Ourense co conselleiro de Sanidade durante máis de dúas horas para tratar de chegar a unha solución ante o peche do paritorio e a supresión das urxencias pediátricas.

Os profesionais cualificaron o encontro de "perda de tempo" e mostráronse "moi tristes e decepcionados". "Saímos coa visión de que non se nos tivo en conta para nada", dixo Begoña Pérez, matrona no Hospital de Verín.

Entre as alternativas expostas polos profesionais, como eles mesmos detallaron, atópanse "aumentar a mobilización dos profesionais, en lugar das parturientas; converter o hospital de Verín nun centro de referencia en partos de baixa intensidade" e, en canto á atención do neonato, propuxeron que o persoal "se forme e rote".

"Teñen a súa decisión tomada e, de momento, non van dar o seu brazo a torcer", sinalou o doutor Javier Castrillo, xefe de Servizo de Obstetricia no Hospital de Verín. A Xunta de Galicia trasladoulles "o baixo número de partos e a falta de seguridade nos neonatos" como argumentos para o peche do servizo.

Os profesionais mostráronse tamén "preocupados" polo descoñecemento dos protocolos e criterios que deben empregar desde o pasado 1 de decembro, en que se fixo efectivo o peche do paritorio para o traslado das embarazadas.

"Tomouse a decisión sen darnos ningún tipo de información de como se vai a facer isto", dixo Begoña Pérez. "Esta mesma noite pode entrar unha xestante en traballo de parto e non sabemos que imos facer con ela", continuou.

SANIDADE APOSTA POLA "SEGURIDADE"
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade mantívose na decisión de pechar o paritorio de Verín pola "seguridade e calidade da atención dos partos, tanto para as mulleres como para os nenos da comarca de Verín".

Almuiña insistiu en que "están a apoiar e queren apoiar esa comarca e o Hospital de Verín". No entanto, sinalou que "neste momento", por diferentes circunstancias, entre as que se atopa a baixa natalidade, tomaron a "difícil" decisión.

En canto ás alternativas presentadas polos profesionais, Almuiña cualificounas de "parciais". Fixo especial fincapé en que "todo se pode reevaluar nun futuro se se demostra que as circunstancias cambiaron".

"Trátase dunha decisión difícil, que sabemos que temos que seguir explicando á poboación porque é a decisión responsable dunha administración que vela por todos os cidadáns", continuou.

Almuiña reivindicou "a sólida base" na que se avala a situación, en referencia ao informe asinado polos xefes de servizo de área de Xinecología e Pediatría, así como por outros 44 profesionais máis.

ALMUIÑA VE "SEGUROS" OS TRASLADOS
Neste contexto, o conselleiro de Sanidade sinalou que o traslado das embarazadas ao Hospital de Ourense é seguro. "Hai moitas mulleres doutros puntos da provincia que levan moito tempo facendo estes percorridos, que son seguros", dixo.

Así mesmo, baseouse en que á súa chegada ao Hospital de Ourense vanse atopar cun centro "referente que conta cunha UCI de adultos, no caso das nais, e de neonatos".

Por último, manifestou que "o embarazo é un proceso longo no que se coñecen os tempos" e que "os partos non ocorren dun momento a outro" para xustificar a seguridade dos traslados.

"Pode ser o caso mesmo de mulleres en que no seu primeiro parto demoran até 10 ou 12 horas. Por tanto, hai tempo para desprazamento", argumentou.

MANTENSE O PECHE
En canto ao peche que comezaron este luns ás 8.00 horas, continúa nestes momentos e prevese que traballadores do centro e veciños pasen a noite no hospital. "A partir de agora o peche vai ser continuado", sinalaron.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS