Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 24.04.2014  | Actualizado 21.53

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

pavillón de repouso

A sanidade pública é mellor que a privada

PABLO VAAMONDE  | 11.03.2012 
A- A+

Hai un sector da poboación que, ademáis de dispor da sanidade pública, ten contratado un seguro de saúde para poder usar servizos sanitarios privados. As persoas con certa capacidade adquisitiva asumen este custe para acceder directamente aos especialistas, para evitar as listas de espera, para realizar probas ou revisións sen ter que agardar, ou por ter, no caso dunha hospitalización, un maior grado de confort.

 

No momento actual, os recortes que está a sufrir a sanidade pública en toda España fan prever un incremento das esperas e un certo deterioro da calidade da atención nos servizos públicos. Haberá que ver ata donde chegan os nosos dirixentes nesta tarefa de desgaste. Sábese ben que hai límites que non se poden traspasar. Nun traballo da revista New England Journal of Medicine (marzo-2011) quedaba demostrado que a ausencia de persoal de enfermería nunha planta hospitalaria por debaixo de certo  umbral aumenta as taxas de mortalidade dos paciente. Non se trata só, polo tanto, do estrés profesional ou da reducción do confort durante un ingreso: o déficit de persoal pode incrementar o número de mortes entre as persoas ingresadas.

 

Os severos recortes que están a facer no gasto público benefician ás compañías de seguros privados que inflúen, en grande medida, nas decisións políticas. De feito, existe unha densa rede de relacións (e trasvases dun lado a outro) entre os directivos destas entidades e os cargos políticos do Partido Popular. Nestes momentos as compañías privadas están a realizar unha forte campaña para incrementar o número de asegurados. Ven o momento de procurar a súa expansión, propiciado polas políticas de descrédito do sector público postas en marcha polos actuais dirixentes políticos. 


Máis podemos preguntarnos: realmente é mellor a sanidade privada que a pública? O economista Vicenç Navarro, experto en políticas sanitarias (asesorou a Hillary Clinton no seu proxecto de reforma), é contundente1: “En xeral, a calidade dos servizos médicos dispensados por institucións con afán de lucro é menor que a aportada por institucións sen afán de lucro”. Basea a súa afirmación nun documentado estudio publicado na prestixiosa revista médica británica BMJ en 2009, dirixido por Gordon Guyatt, o fundador da MBE (medicina baseada na evidencia científica), corrente da medicina que esixe que calquera cambio na práctica médica debe basearse en criterios de probada eficacia. Ese criterio non o respectan no noso país, onde están a realizar cambios moi profundos na organización e xestión da sanidade sen ter máis fundamento que o afán de lucro.


Afirma o Dr. Guyatt que as empresas que buscan beneficios nos servizos sanitarios “teñen que aforrar fondos en áreas que afectan á calidade dos servizos, a fin de conseguir o diñeiro que precisan para pagar aos seus accionistas e xestores”. Así pois, conclúe Navarro “o afán de lucro non encaixa cuns servizos que deben ter como finalidade servir aos pacientes, antepoñendo este obxectivo ao de optimizar os ingresos para conseguir maiores dividendos e pagar mellor aos xestores”. O aspecto hoteleiro e de confort é, polo xeral, mellor na privada que na pública. E os tempos de espera tamén son menores polo de agora, o que explica a súa expansión. Máis podemos plantexar unha segunda cuestión: Se chegase o momento que a sanidade pública actual quedase convertida nunha beneficencia para os pobres: as persoas con seguro privado estarían mellor atendidas? 


Os que poidan contratar un seguro privado poderían ter vantaxes en cuestións de orde menor como as que vimos de citar. Pero nos aspectos relevantes da atención á saúde a destrucción do actual sistema público sería perxudicial, mesmo para os ricos. Vexamos dous exemplos:


 *Nos EEUU, onde o gasto sanitario é moi superior ao noso, a atención sanitaria está cuberta por medio de seguros privados. Cadaquén contrata o seguro que estea ao seu alcance. Se unha persoa chega a ter unha insuficiencia renal crónica que precise de diálise non a recibirá se non está contemplada na súa póliza. Estará condenada a unha morte lenta provocada pola doenza. En España, a día de hoxe, recibe diálise calquera enfermo que o precise, independentemente da súa condición económica e social. E, de ser candidato a trasplante, entrará na lista de espera para agardar un doador.


*Tamén coñezo de primeira man un caso paradigmático do xeito de funcionar dos seguros privados. Un neumólogo amigo, nunha consulta privada para unha mútua, diagnosticou unha doenza pulmonar que requería un trasplante. Así o indicou no seu informe. Ao día seguinte, por vía telefónica, recibiu a notificación de que deixaba de traballar para dita mútua. Soubo, máis tarde, que a persoa enferma non conseguiu autorización para realizar o trasplante e tivo que recurrir á sanidade pública para dita intervención. O elevadísimo custe que ten un proceso deste tipo non resulta asumible para as empresas que persiguen, cando remate o exercicio, obter máis ingresos que gastos. 


Así pois, mesmo as persoas con elevado poder adquisitivo poden ver, nun momento dado, como un seguro privado lles denega un servizo por ser excesivamente custoso ou non estar contemplado na letra pequena da póliza. Cómpre, polo tanto, defender o actual sistema sanitario, -equitativo, universal e sostido polos impostos- pois, se deixamos que se deteriore, perdemos todos, mesmo os que hoxe non o utilizan por dispor dunha póliza privada.

 

1. http://www.vnavarro.org/?p=3294


pablovaamonde.blogspot.com


Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS