Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 16.08.2019 Actualizado 13:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O secretario de Organización do PSdeG pilotará o partido en Lugo até a elección dunha nova executiva provincial

SANTIAGO. EP  | 18.06.2019 
A- A+

O secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, será o encargado de dirixir o partido en Lugo até a elección dunha nova executiva provincial após a dimisión este luns do secretario provincial, Álvaro Santos.

Nun comunicado remitido aos medios, Quiroga manifestou o seu respecto ante unha decisión "persoal" e agradeceu a Santos o traballo do último ano e medio. Ademais, desexoulle éxitos na súa tarefa como edil do Concello de Lugo.

Así mesmo, sinalou que, como consecuencia da renuncia, a dirección galega do PSdeG actuará con "total normalidade" dentro das competencias que lle atribúen os estatutos e constituirá unha xestora que estará pilotada por Quiroga.

De cara ao futuro, o secretario de Organización sinalou que nas últimas xornadas recibiu información dos distintos partidos xudiciais da provincia, na que a "inmensa maioría" de edís aposta por "unha etapa de fortalecemento e futuro no partido e na Deputación".

En concreto, Santos presentou este luns a súa dimisión nunha rolda de prensa na que recoñeceu non ter "boa sintonía" coa dirección galega do partido. Precisamente, as desavinzas coa executiva galega que encabeza Gonzalo Caballero materializáronse nun conflito pola presidencia da Deputación de Lugo. Así, mentres Santos apoia que o alcalde da Pontenova, Darío Campos, siga á fronte da Deputación; outros sectores do partido apoian para o posto ao alcalde de Monforte, José Tomé.

"FORTALEZA" DO PSDEG
No seu comunicado, Quiroga destacou o "perfecto funcionamento e a fortaleza" do PSdeG que, en "plena sintonía" cos órganos federais, seguirá traballando cunha "nova maioría social en Galicia".

Por último, o secretario de Organización sinalou que, despois dos "éxitos electorais" nas últimas eleccións, "é o tempo de apostas colectivas", en coordinación coas direccións galega e federal do partido para dar ao país "o impulso que necesita".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS