Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

‘Sede de mal’ tras as borrascas ‘Qmaira’ e ‘Ruth’

Actuación no Auditorio de Cangas. 'Sede de Mal' - FOTO: R.F.
Actuación no Auditorio de Cangas. 'Sede de Mal' - FOTO: R.F.

RUTH FERNÁNDEZ  | 11.02.2014 
A- A+

Nunha fin de semana marcada pola sucesión de borrascas, e tras un mes cheo de chuvia e vento forte, fenómenos atmosféricos que obrigarán a lembrar este inverno coma un dos máis chuviosos da historia de Galicia, desfrutei ao abeiro do Auditorio de Cangas dunha obra da compañía de teatro ‘Boneca Lareta’ que, como rezaba o programa de man, trataba sobre o lado escuro da vida. Mentres en Lugo, a miña urbe natal, se desenvolvía a XIV Mostra de teatro clásico coa obra ‘El asno de oro’ de Lucio Apuleyo, protagonizada polo magnífico actor Rafael Álvarez, ‘El Brujo’ (a quen vin interpretando clásicos coma o Lazarillo de Tormes e a Odisea en anos anteriores) no Morrazo desfrutabamos este sábado de Sede de Mal, da man de dous mestres da escea, os actores galegos Xavier Deibe e Luís Iglesia, arquicoñecidos pola súa traxectoria profesional, especialmente dende a emisión na TVG da serie ‘Matalobos’.

Entendida como unha comedia a doce cordas sobre o lado escuro da vida, Sede de Mal, trouxo á sala canguesa críticas a personaxes da política actual coma os ministros Wert, Ana Mato e Montoro, que non se libraron do escarnio, á altura doutros grandes malos da historia. Dirixíndose ao público como sinónimos e sinónimas, fixeron referencias ao cine, á música e grandes recomendacións (ao modo de consellos evanxélicos), para afrontar o día a día e non ser uns 'pimpíns'.

R.F.
Luís Iglesia e Xabier Deive interpretando 'Sede de mal' no Auditorio de Cangas
FOTO: R.F.

Todo se mesturou no escenario no que os actores, acompañados das súas guitarras eléctricas, puxeron voz a temas que se contaxiaron rapidamente entre o público. Quen non cantou iso de que ‘Porque o ben está moi ben…/ pero o mal non está tan mal? Ou ‘Un paseo do lado salvaxe/ unha noite fóra de control./ Mellor caer na tentación,/ xa despois pedirás perdón’, sempre aludindo a un peculiar código, ao estilo da Biblia, o dos suíñas. Facendo un chamamento ao bo que ten desfrutar do lado malo, escoitamos coplas do estilo ‘Que lle vou facer se o demo, agora forma parte do meu ser?’, que se alternaron con partes dialogadas e monólogos cheos de ironía, que convidaban á reflexión sobre o lado escuro da vida.

En palabras de Luís Iglesia a obra, cuxos textos escribiron os intérpretes xunto a Carlos Santiago, plantéxase como a posta en escea por parte de dous telepredicadores americanos da maldade. Os actores buscan que os espectadores saian contentos do teatro. E lógrano, dende logo! Aquel que facía de Antón en ‘Terra de Miranda’ e de Enrique Graus en ‘La Fuga’ (T5), aseguraba que cando levaron aos teatros ‘Gaivotas subterráneas’ déronse conta de que moita xente acudía a ver teatro por primeira vez, algo increíble. Traballan, así, co obxectivo de achegarse ao público, de chegar a todos. Nobre cometido, sen dúbida.

R.F.
O mar de Cangas, tras o paso da cicloxénese explosiva 'Ruth'
FOTO: R.F.

Foi unha fantástica cita a que se deu en Cangas, cun espectáculo que durou arredor dunha hora e cuarto, co engadido do café previo á actuación que puiden compartir cos actores, coñecendo así a outra cara de quen se agocha detrás de todos os papeis interpretados por Luís Iglesia e Xavier Deibe. Unha tarde moi agradable, que fica na lembranza, co desexo de que o mundo da cultura siga dando grandes mostras en todos os eidos, no teatro, na música, no cine, na edición de libros, etc. fuxindo das trabas que os que se atopan no poder queren impoñer. Como na lembranza quedan os papeis interpretados en filmes coma 'Vilamor' ou 'Heroína' e series coma as citadas, ademais de 'Os Atlánticos', 'Piratas', 'As leis de Celavella', 'A vida por diante'. Ata 'Tierra de Lobos', entre outras, onde vira a Xabier Deive por última vez.

Unha tarde marabillosa na que escapar, baixo o teito do Auditorio, das posibles consecuencias que obrigaran a activar a sétima alerta vermella no litoral galego por mor da cicloxénese explosiva que, casualmente, bautizaron co nome de ‘Ruth’, a terceira dunha semana dura, coas anteriores borrascas, ‘Petra’ e ‘Qmaira’, que tanto mal causaron en Galicia. Cantas mensaxes me chegaron vía whatsapp e por outros medios, recordándome o ‘evento’ que traería ventos furacanados de ata 130 km/h e fortes chuvias, por coincidir co meu nome. Todo un acontecemento. Gracias por esas mensaxes cheas de humor e boas intencións. Prevíanse para o sábado ondas de ata dez metros en Pontevedra, once na Coruña e nove na Mariña lucense. Pero peores son as sospeitas do que pode acontecer coa entrada de ‘Stephanie’. Esta noite os ventos facían pensar niso. Precisamos unha tregua, que Lourenzo nos visite e quede con nós, alomenos por unha tempada. Os danos das borrascas superan xa o millón de euros, coma se estiveramos pouco hipotecados… Unha climatoloxía, a deste ano, que non se lembraba dende os anos 60, como comentan os máis maiores. Días de sofá, de cine, de teatro, para desfrutar dun bo chocolate á taza mentres a través da fiestra contemplamos un mar enfurecido, que se rebela, mentres soñamos e degustamos o pracer da vida.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS