Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Seguiremos a brindar pola caída do réxime

JOAQUIM VENTURA  | 06.04.2018 
A- A+

Desde hai uns días, todos os seareiros do xénero negro e criminal estamos orfos. Morreu Paco Camarasa. Libreiro e valenciano, estableceuse hai tempo en Barcelona coa súa muller, a escritora e ilustradora Montse Clavé. Ambos animaron a paisaxe da capital catalá coa libraría “Negra y Criminal”, aberta en 2002 no número 5 do carrer de la Sal, na Barceloneta, o barrio mariñeiro de Barcelona. Era este establecemento un lugar de complicidades principalmente, pero non estritamente, literarias.

Ata que pechou en 2015, as mañás dos sábados era punto de concentración dos seus seareiros para partillar os mexillóns e o viño tinto que Paco e Montse ofertaban de galano, unha maneira de favorecer o achegamento do público á libraría e tentar estimular a venda. Un daqueles paradoxos que moitas veces comentamos con eles: estando na zona vella de Barcelona –nun barrio céntrico polo tanto-, achegarse á Barceloneta era percibido por moitos barceloneses como ir a unha certa periferia. Unha situación agravada cando comezou a presión turística dos apartamentos ilegais e especulativos para uso de estranxeiros que trabucan barrio mariñeiro con barrio de praia, como se a Barceloneta se tratase dun Magaluf ou unha Gandia calquera.

Pola “Negra y Criminal” pasaron os mellores autores vivos do xénero pero Paco Camarasa tamén era capaz de reunir nunha mesma sesión a autores como Juan Marsé, Joan de Sagarra e Enrique Vila-Matas para que falasen daqueles anos cincuenta en Barcelona e as “aventis” e lembranzas de crimes como o de Carmen Broto. Sesións que obrigaban á máxima tolerancia por parte dos asistentes en canto á falla de espazo.

Para o fondo da libraría –resultaba utópico pensar en eventuais vendas futuras- xestionei o favor de diversas editoriais para que houbese unha mostra de novelas de xénero escritas en galego, circunstancia que me foi agradecida por Paco Camarasa, coñecedor da miña dobre militancia “negra” e galeguista.

Unha dualidade que tiven a sorte de repetir en 2008 na edición das xornadas de BCNegra. Este festival literario encetouse en 2005, a proposta de Paco Camarasa, ao abrigo das celebracións que o concello barcelonés dedicou a Manuel Vázquez Montalbán, morto ano e medio antes. O éxito de público favoreceu que o festival pasase a estable desde o ano seguinte, na primeira semana de febreiro. Naquel 2008 coordinei e moderei unha sesión dedicada ao xénero negro escrito en lingua galega e nela participaron Diego Ameixeiras e Xosé Miranda (substituto de Jaureguízar, que non puido asistir por razóns persoais).

En 2015, a maneira de inventario -e case poderíamos dicir de testamento-, Paco Camarasa publicou “Sangre en los estantes” (Destino), repositorio de nomes, obras e anécdotas relativos ao xénero negro e criminal. Unha obra que acadou definitivamente a condición de clásica cando hai mes e medio foi incluída na colección Austral 

O espírito de Paco Camarasa –insobornable antifranquista, como o foi e o é Montse Clavé- cadraba coa converxencia entre xénero negro e militancia na Barcelona popular, a tradición obreira e de barrio, que tan ben sintetizou Vázquez Montalbán nas súas novelas de Pepe Carvalho. E se na súa Valencia natal, como libreiro tivo que aturar diversos atentados da extrema dereita, na Barceloneta acadou a tranquilidade, sen máis teima que un funcionamento acougado do negocio.

E do pai literario do detective Carvalho –galego enxertado de catalán- Paco Camarasa herdou a expresión e mais a vontade de brindar –como facíamos decote co viño dos sábados- “pola caída do réxime”. Este sábado vindeiro, na miña casa, tamén brindarei (aínda que sexa comigo mesmo: a miña muller é abstemia malia ser nacida na Ribera del Duero) con viño tinto pola lembranza de Paco Camarasa e “pola caída do réxime”.

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS