Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Seguiremos a desaramiar

JOAQUIM VENTURA  | 22.11.2017 
A- A+

Cos músicos, a diferencia doutros artistas, podemos asistir á execución das súas obras. En consecuencia, son capaces de producir unha sensación de adhesión que non a producen os escritores e xa non digamos pintores ou escultores. Tal vez por iso, aqueles son capaces de xerar uns movementos de seareiros que facilmente poden acadar o paroxismo. Pero sen chegar a tal extremo, entre artista e espectadores establécese unha relación de proximidade case familiar. Quizais esta circunstancia provoque que a perda dun cantante ou dun músico, en xeral, sexa sentida como unha certa orfandade. 

É o que ven de sucedermos a moitos coa desaparición do uruguaio Daniel Viglietti. Sen ser un cantante de maiorías, era un daqueles artistas que daba respostas a moitas das preguntas que nos facíamos moitos mozos nos anos setenta. Unha carreira, a súa, que comezou con “A desalambrar”, unha canción devida himno da loita contra as inxustizas que dominaban –e aínda dominan- o continente suramericano. Un título que levaba implícita a acción de desmontar as (grandes) propiedades para dar esa terra que lexitimamente era “nuestra, tuya y de aquel, de Pedro y María, de Juan y José”.

Presente aínda a censura, se queríamos mercar discos de Violeta Parra, Patricio Manns, Víctor Jara, Inti Illimani ou Quilapayún, en Cataluña polo menos, tiñamos que achegarmos a Francia ou Andorra. Foi nunha desas viaxes, en 1973, cando procurando na infalible colección Le Chant du Monde descubrín a edición francesa de “Canciones para mi América”, de Viglietti, que aquel ano –xa exiliado en París- gañara o gran premio da Academia Charles Cros. Foi aquel un amor a primeira vista. Naquela voz e naqueles dedos uruguaios había unha calidade de voz, de letra e de música que estaba por riba dos cantantes latinoamericanos populares daquela.

O ano seguinte Viglietti actuou en España. En febreiro ou marzo de 1974 asistín ao concerto do Palau de la Música barcelonés. En maio, estando de vacacións en Madrid, non dubidei en recuncar cando vin o anuncio que actuaría no Teatro Monumental. Cando rematou o concerto quedei a falar con algúns cataláns presentes, entre eles o xornalista Jordi García Soler que parara en Madrid camiño de Lisboa, onde ía a asistir ao concerto de Lluís Llach naquel primeiro mes revolucionario. Á conversa engadiuse Viglietti e nun anaco oportuno, pedinlle (cousa que non fago nunca) que me asinase o papel de man do concerto. Da rúa chegaba balbordo pero de primeiras non fixemos caso. Ao pouco, chegou ata nós o xerente do teatro e aconsellounos que permanecésemos alí, que no exterior había unha manifestación e chegara a policía.

Hora e media despois, entrou a forza pública e “invitounos” a desprazarnos ata a Dirección Xeral de Seguridade. Eu ía na mesma “leiteira” que Moncho Alpuente e un cantante arxentino cuxo nome non lembro. Xa nas dependencias policiais, coñecemos que aquela manifestación fora inducida polo FRAP (aquel grupo proalbanés infiltrado pola policía ata as cachas) e que había douscentos detidos. Eu avisei a Jordi García Soler do risco que eu corría porque fora detido uns meses antes. Cando pasei a unha breve declaración e cando o policía xa estaba a poñer o meu nome no rexistro de calabozos, pedinlle que me atendese xa que se eu quedara no teatro foi para pedir un autógrafo ao cantante. Cando demostrei tal afirmación, fun conducido á rúa, libre. Daban as catro da madrugada naquel reloxo que daquela aínda chamaban “de Gobernación”. Pouco despois souben que o grupo quedou en liberdade pero Viglietti con orde de expulsión de España. Chegado o verán, no memorable concerto de Lluís Llach no Teatre Grec de Barcelona (sorprendentemente retransmitido por TVE) atopei a Jordi García Soler. Contoume daquela que cando viu que non regresaba ao grupo, fixera diversas xestións cando volveu de Lisboa.

Despois do seu regreso a Uruguai en 1984, Viglietti actuou diversas veces máis en Barcelona, a derradeira o pasado abril. Por diversas razóns, so me foi posible velo en Luz de Gas en 2006. Pero as súas cancións sempre estarán connosco.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS