Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 21:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O segundo cargo de Adif investigado defende que non tiña competencias na posta en servizo da liña

As vítimas lamentan que non se lle preguntase sobre a desconexión do sistema de seguridade, "un tema vital"

SANTIAGO. EP  | 12.09.2018 
A- A+

O xerente da área de seguridade na circulación do noroeste de Adif, Fernando Rebón Sartal, investigado no caso Alvia, defendeu este martes ante o xuíz que instrúe a causa, Andrés Lago Louro, que non tiña competencias na posta en servizo da liña.

Así o apuntou en declaracións aos medios Manuel Alonso Ferrezuelo, letrado da plataforma de vítimas do tren que descarrilou o 24 de xullo de 2013 en Santiago --con 80 mortos e máis de 140 feridos--, quen explicou que a declaración de Rebón foi "bastante breve", onde afirmou que "non tiña competencias no tocante á posta en servizo da liña".

Rebón é o segundo cargo de Adif que está investigado na causa, xunto a Andrés Cortabitarte, quen foi director de Seguridade na Circulación de Adif --aínda que desde 2017 está recolocado nun posto de libre designación nunha subdirección de nova creación--.

Así, Rebón só contestou a preguntas do fiscal, xuíz e o seu avogado, polo que o letrado das vítimas lamentou non poder preguntar por "un tema vital", como é a desconexión do sistema de seguridade a bordo, xa que "el si recoñeceu que o seu labor si era en canto á seguridade unha vez que estaba en marcha a vía".

Respecto diso, Manuel Alonso sinala que o recoñecemento dos seus labores inclúe a supervisión da desconexión, e esta "non se fixo como está xa acreditado por todos os peritos".

Deste xeito, apunta que "é verdade que na documentación de posta de funcionamento da liña non hai ningunha firma nin hai ningún documento" referido a Rebón. "A partir de aí si que podemos entender que quizais non a teña (responsabilidade), xa veremos a ver e analizaremos toda a documentación", agregou.

"Pero si que entendemos que en canto á desconexión si ten unha responsabilidade porque el é o xerente de seguridade desta zona de España; entendemos que se tiña que supervisar e analizar ese risco, tal e como dixo a ERA (Axencia Ferroviaria Europea) e distintos peritos, e non se fixo", asegurou.

"Entendo que si que ten responsabilidade en canto a este feito, que foi vital á hora do accidente", deixou claro o avogado das vítimas sobre a supervisión da seguridade.

DIMISIÓNS
Xunto a isto, foi preguntado pola prensa o avogado das vítimas sobre se este cargo de Adif tamén debe dimitir logo da marcha a pasada semana do até agora director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares (investigado na causa).

Sobre este extremo, Manuel Alonso Ferrezuelo explica que é un "tema persoal deles", pero cre que "máis que unha dimisión fixéronlle dimitir", "se se analiza un pouco o que ocorreu os días previos", en referencia á reunión das vítimas de Angrois co ministro de Fomento, José Luís Ábalos, para pedirlle a dimisión de cargos imputados no caso, entre outras reivindicacións.

"Non sei se se fará o mesmo en canto ás persoas que están como investigadas de Adif", preguntouse. "Espero que si, que debería ser así, teñen a mesma responsabilidade", sentenza en alusión a Andrés Cortabitarte e Fernando Rebón.

O xuíz instrutor incluíu a Rebón como investigado na causa a comezos do mes de febreiro, para, en palabras de Lago Louro, "esclarecer algúns dos defectos que, no que se refire á xestión da seguridade e riscos inherentes á liña, xustificaron no seu día a imputación do señor Cortabitarte".

Neste sentido, o xuíz non ve "descartable" que "boa parte dos reproches que xustificaron a imputación" de Cortabitarte "poidan ser extensivos" a Rebón.

PROTESTA DE VÍTIMAS
Este mércores un grupo de vítimas do Alvia concentráronse ante os xulgados cunha pancarta na que se pedía "xustiza" polos mortos e feridos.

Logo da súa chegada ás 8,45 horas ao xulgado (estaba citado ás 9,00 horas), Fernando Rebón Sartal saíu dos xulgados pasadas as 9,30 após declarar. Entón, as vítimas seguíronlle con diversos carteis e increpárono.

Rebón subiuse a un vehículo de Adif que se marchou conducindo. Alí, unha das persoas que se atopaba protestando púxose momentaneamente diante da furgoneta impedindo a marcha, após o que se apartou e o cargo investigado puido irse.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS