Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Martes 22.05.2012  | Actualizado 12.06

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

rural

Seguros a 50 metros?

10.06.2011  A Xunta reduce á metade a distancia para protexer as vivendas dos incendios forestais ·· As especies combustibles como o piñeiro poderán situarse a trinta metros

1.0/5 [1 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

REDACCIÓN . SANTIAGO

As lapas ameazan as vivendas da parroquia do Romaño, en Santiago, na onda de incendios de 2006 FOTO: RAMÓN ESCUREDO
As lapas ameazan as vivendas da parroquia do Romaño, en Santiago, na onda de incendios de 2006
FOTO: RAMÓN ESCUREDO

Establecer unha franxa de seguridade de cen metros limpa de matogueira e masa forestal para protexer as vivendas dos incendios forestais foi unha das consecuencias da onda de 2006, cando o lume se achegou perigosamente ás portas de varios núcleos de poboación. Agora, o Goberno de Alberto Núñez Feijóo decidiu, baseándose na experiencia dos últimos anos, que non é necesaria tanta distancia e a rebaixa á metade, cincuenta metros, no anteproxecto de lei de montes que o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez presentou onte no Consello. A norma rebaixa tamén de 50 a 30 metros a outra marxe establecida para que permaneza libre de especies especialmente combustibles, como poden ser o piñeiro, a acacia ou a mimosa.

Na roda de prensa posterior ó Consello da Xunta, Juárez explicou que a lei intentará tamén equilibrar as responsabilidades na xestión das franxas de seguridade, como resposta ós múltiples conflitos entre os propietarios do monte e das vivendas á hora de definir cal dos dous debe facerse cargo da limpeza nos núcleos illados e as instalacións construídas sen licenza. Neses casos, a Administración optou por facilitar que o propietario do monte, obrigado a manter a franxa de seguridade, poida reclamarlles unha compensación ós propietarios das vivendas. Para os casos de nova construción en zonas de influencia forestal será obrigatoria a franxa perimetral dos 30 metros ao redor da edificación ou da instalación. Para os casos en que a franxa de seguridade non teña donos coñecidos, a lei prevé que a xestión da superficie se decida por acordo entre a Xunta e o concello

O presidente Feijóo presentou "a primeira Lei de montes desde que temos Estatuto" como a norma destinada a insistir na concienciación social, loitar contra o minifundismo e regular os usos forestais para frear o abandono do monte.

1,2 millóns de hectáresa en mans de 600.000 donos

A estratexia diríxese cara ás 1.200.000 hectáreas de monte galego que se reparten en 600.000 títulos de propiedade, un panorama o suficientemente fraccionado para que o Goberno galego se expuxo como un "obxectivo difícil e inaprazable" a agrupación das superficies para mellorar a súa explotación.

Unha das medidas coas que a lei pretende frear o minifundismo será a prohibición de segregar parcelas con superficies inferiores a quince hectáreas. A efectos de poder obter axudas públicas, aplicarase a mesma limitación de superficie nos casos de concentración parcelaria.

Dúas terceiras partes da superficie de Galicia corresponden a terreos forestais onde a arborada ocupa o 48% de todo o territorio. Sacar un maior rendemento dese patrimonio, do que se obtén anualmente máis de sete millóns de metros cúbicos de madeira -a mesma cantidade que produce todo o Reino Unido ou Italia e Bélxica xuntos- forma parte dos obxectivos que a Consellería de Medio Rural trasladou á Lei de Montes. O texto que o conselleiro Samuel Juárez levou onte establecerá a obriga de reinvestir o 40% dos aproveitamentos que se obteñan da superficie forestal, unha porcentaxe que chega ata o 100% cando se trate de superficies que sexan arrasadas polos incendios. Ademais, neste último caso, a lei prevé que non se poida producir un cambio de uso durante un período de 30 anos. Para as repoboacións, a lei de montes que a Xunta remitirá á Cámara establece a prohibición expresa de recorrer ó eucalipto só para aquelas zonas nas que exista forestación de crecemento lento, un total de 23 especies de coníferas frondosas que aparecerán detalladas nun anexo da lei.Por primeira vez regularase unha distancia mínima que deberán cumprir as reforestacións que se realicen a partir da decatada en vigor da lei con respecto doutro tipo de cultivos.

Pendente de ser discutido aínda co sector, e texto que onte deu a coñecer o conselleiro de Medio Rural distinguirá os aproveitamentos forestais distinguindo entre os madeirables e non madeirables, prestando unha especial atención, pola súa incidencia económica e ambiental, os cinexéticos e ós de pastoreo.

A REACCIÓN

Sorpresa do sector por non ser consultado para o texto

A Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Maderas de Galicia (Fearmaga) examinará nos próximos días a Lei de Montes para trasladar, antes do 30 de xuño, todo aquilo que non comparta ou considere "mellorable". Así o sinalou o seu presidente, Elier Ojea, en declaracións a Europa Press, tras recoñecer certa "sorpresa" por que Fearmaga non fose consultada na fase de elaboración do texto, ao tratarse dun "axente de primeira liña" no sector. Así, chamou a atención sobre a relevancia dunha xestión axeitada do monte galego, cuxos propiteraios posúen parcelas "tan pequenas" que impiden alcanzar unha maior rendibilidade: "Cun bo ordenamento pódense duplicar os beneficos", dixo Ojea.

OS DATOS

Representa o 3,5% do PIB

O conselleiro de Medio Rural explicou que a futura Lei de Montes pretende dotar dun marco xurídico estable a un sector como o forestal que xera 26.000 empregos directos e outros 50.000 indirectos e que no balance económico da comunidade autónoma representan un potencial do 3,5% do Produto Interior Bruto (PIB) galego. Non obstante, case o cento por cento da propiedade forestal en Galicia (un 97 por cento) é privada, particular ou veciñal en mancomún.

Regulación do uso dos pastos

Á espera de acordar o texto co sector, a Xunta decidiu penetrarse na regulación do uso dos pastos que desde hai máis de cen anos está en mans dos concellos, incluíndo na cualificación de reses mostrencas a todo o gando que deambule sen identificación en zonas forestais onde exista esa obrigación. Os propietarios dos terreos que resulten afectados poderán así retiralos polos seus propios medios ese tipo de gando e poñelo a disposición dos concellos.

Mellorar o acceso á certificación

Samuel Juárez argumentou que a a lei profundiza nos conceptos de ordenación; establece distintos niveis de ordenación e facilita para os propietarios privados e, sobre todo, individuais, acceder a sistemas de certificación da madeira ós que neste momento non poden acceder. Melloras nun contexto onde se combaterá a parcelación do monte, clarificarase o réxime e usos e se favorecerá a capitalización do monte.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS