Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Sentenzas e poderes

XOSÉ A. GACIÑO  | 21.11.2019 
A- A+

Para os independentistas cataláns, a sentenza do Tribunal Supremo contra os responsábeis do referendo ilegal e a posterior declaración unilateral de independencia demostraba o espírito vingativo dun Estado autoritario no que non hai separación de poderes e que persegue aos cidadáns polas súas ideas (argumentacións, por certo, que repiten con total liberdade diante de todas as cámaras e os micrófonos, de medios públicos ou privados, deste Estado que tanto lles “oprime”). Xa lles gustaría aos socialistas (españois en xeral e andaluces en particular), diante da primeira e contundente sentenza da Audiencia Provincial de Sevilla polo chamado caso dos ERE, poder dicir algo parecido para dotar de certa aureola romántica e vitimista aos responsábeis dunha das máis escandalosas tramas de corrupción. Máis ben quedaron mudos da impresión nos primeiros momentos e apenas balbuciron despois as típicas explicacións de que os condenados xa foron depurados do partido e que algúns que os critican e esixen novas dimisións tampouco poden presumir de pureza.

Certamente, non é o mesmo proclamar a independencia dun territorio que desviar fondos públicos para beneficios privados (e que cadaquén valore qué é máis grave), pero, se todos os políticos investigados, procesados ou condenados por diversos supostos delituosos recorresen á argumentación dos independentistas (e non faltaron intentos), remataríamos pensando que non é que non houbese separación de poderes, é que habería un so poder, o xudicial, perseguindo a todos os demais, non se sabe se por rotación, por rigoroso orde de antigüidade ou de xeito absolutamente aleatorio. Case todos os partidos políticos teñen pasado polos tribunais, uns máis ca outros e uns por delitos máis graves ca outros, xeralmente en función das súas cotas de poder. Tampouco faltan banqueiros, empresarios diversos, sindicalistas e até algún membro da familia real. Nin sequera maxistrados.

A democracia española non é perfecta (hai algunha que o sexa?) e o poder xudicial non figura entre as institucións máis valoradas polos cidadáns (o 55 por cento dos enquisados no Eurobarómetro deste ano perciben falta de independencia, seis puntos máis, por certo, que no Eurobarómetro anterior). Hai, por exemplo, leis restritivas de determinadas liberdades cívicas (a chamada “lei mordaza”) e de certos dereitos sociais (as reformas laborais que restrinxiron ou eliminaron a negociación colectiva), mentres faltan mecanismos para combater seriamente a corrupción (e aí está o caso dos ERE, atascando os xulgados de Sevilla porque nin o goberno nin o parlamento de Andalucía foron capaces no seu día, ou non tiveron a vontade política, de prever os excesos que se derivaron dunhas normas de axuda deseñadas para eludir os controis so pretexto de axilizar o procedemento administrativo).

Pero estes erros e estas desviacións non chegaron ao nivel de invalidar as condicións básicas da democracia española, que este ano ascendeu do vixésimo ao posto decimo terceiro, na lista das mellores democracias do mundo que elabora o centro IDEA Internacional (organización intergobernamental con sé en Estocolmo). Hai moito que criticar, por suposto, pero as canles para a crítica están abertas e é responsabilidade de todos, pero especialmente dos políticos, que esas canles non se pechen como consecuencia das crispacións provocadas por manipulacións e irresponsabilidades. E pola corrupción, que emporca todos os poderes que toca (xuntos ou separados).

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS