Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Sentimentos con efectos colaterais

XOSÉ A. GACIÑO  | 19.12.2017 
A- A+

Da mesma maneira que se lle atribúe o incremento de independentistas á política do Partido Popular con respecto a Cataluña, sobre todo desde a reforma do Estatut, tamén se podería considerar, en sentido contrario, que a xestión da reivindicación de independencia de Cataluña, sobre todo á hora de tratar de proclamala e poñela en práctica, ten provocado a reaparición en España de voces que se crían acaladas para sempre e que, no clima de tensión creado, empezan a ter máis repercusión da que se podía esperar.

Certamente, a campaña anticatalá que desenvolveu o PP en torno á reforma do Estatut (e que incluía o boicoteo a produtos cataláns, algo que agora corrixiu) puido contribuír a avivar os sentimentos identitarios e a que se inclinasen pola vía máis radical. De igual maneira, o desafío independentista pode estar servindo para que certas actitudes do españolismo máis racial se fagan máis visíbeis.

Pero nin o conflito catalán naceu porque o PP se opuxese á reforma do Estatut (ao que tamén se opoñían, por certo, os independentistas de entón, Esquerra Republicana, pese a formar parte do goberno autonómico) nin os sentimentos de patriotismo español máis ou menos radicais apareceron de pronto porque unha parte importante de cataláns queiran a independencia do seu país. A explosión independentista é unha máis das sublevacións, rebelións ou proclamacións -todas falidas- que se produciron na historia de Cataluña, desde que perdese a hexemonía na coroa de Aragón e, sobre todo, desde que a chegada da dinastía borbónica puxese fin á estrutura descentralizada dos reinados dos Austria (unha estrutura que se pode considerar federal, aínda que entón non se manexase tal concepto).

Tampouco é novo que o sentimento de españolidade -máis alá da retórica fundamentalista e autoritaria do período franquista- ten un arraigo maioritario no conxunto de España, que se pode matizar segundo os territorios nos que compite con sentimentos diferenciados. O Estado das autonomías pretendía ser un remedio pactado para manter un certo equilibrio entre os que tenden a distinguirse -e mesmo separarse- e os que non conciben que se poida pór en cuestión a unidade do Estado. Na medida na que as estruturas autonómicas se xeneralizaron, os receos dos centralistas de corazón quedaban tranquilizados. En moitos casos, ademais, o autonomismo en determinados territorios alimentouse non tanto como contrapunto a un poder central senón máis ben como contrapunto e oposición ás comunidades periféricas máis características (Euskadi e Cataluña).

O desafío independentista catalán ven de cuestionar abertamente ese equilibrio e trata de forzar unha vía imposíbel, sen importarlle, parece, pór en perigo todo o nivel de autogoberno desenvolvido neste longo período de democracia. Ou quizais espera chegar ao seu obxectivo a partir dun proceso de desestabilización permanente ate esgotar a paciencia mesmo dos que están dispostos a dialogar sobre reformas no modelo territorial.

Mentres, a dereita centralista -que xa non é só o PP- vai cargándose de razóns para as súas intencións recentralizadoras, que mesmo poderían incorporar a unha posíbel reforma constitucional, se finalmente se deciden a considerar seriamente ese debate.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS