Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O Sergas recibe un novo envío cun millón de máscaras de protección

SANTIAGO. EP  | 06.04.2020 
A- A+

A plataforma loxística do Servizo Galego de Saúde recibiu este luns un novo envío dun millón de máscaras de protección adquiridas pola Xunta, que xa se atopan almacenadas nas instalacións situadas no municipio de Negreira.

Con este novo envío, xa son 4,7 millóns de unidades as recibidas na comunidade galega como parte dos lotes adquiridos polo Executivo galego. En suma, investiu uns 17 millóns de euros en máscaras, luvas e outro tipo de materiais, ademais de probas PCR.

Este material destinarase a hospitais, centros de saúde e residencias sociosanitarias con carácter prioritario, e segundo os protocolos de acción ante o COVID-19.

O Sergas sinalou, ademais, que o material que se reparta levará ilustracións doadas polo pintor e escultor Paco Leiro e por Rafael Canogal.

Doutra banda, a Xunta trasladou este luns ás federacións de transporte de mercadorías que se fará entrega inmediata dun total de 10.000 máscaras para os seus traballadores. En concreto distribuirase a Fegatrans-Apetamcor, Fetram e Fegatramer, as entidades do sector representadas no Consello Galego de Transportes.

Trátase dunha demanda trasladada desde o sector de forma reiterada, ao tratarse dun material necesario para evitar contaxios entre os profesionais e garantir a seguridade na cadea de distribución.

A Xunta solicitou ao Ministerio de Transportes o pasado 24 de marzo o establecemento dun protocolo sobre a necesidade de uso e criterios de distribución deste tipo de proteccións entre os traballadores do sector, e o Goberno iniciou a repartición de máscaras a empresas e profesionais de transporte a través das oficinas de Correos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS