Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Silva di que o caso do 'enchufe' da súa cuñada non ten "nada que ver" con ela

Destaca a súa traxectoria "intachable" e acusa a Feijóo e a Rueda de idear unha "estratexia de difamación" // Lembra que os "xuízos paralelos" son "propios do fascismo"

PONTEVEDRA/VIGO. EP  | 13.02.2019 
A- A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra e primeira tenente de alcalde do Concello de Vigo, Carmela Silva, saíu ao paso das críticas de PP e Marea, que esixiron responsabilidades políticas pola sentenza que condena a un funcionario vigués por 'enchufar' á cuñada de Silva nunha concesionaria municipal, e subliñou que ese "tema" non ten "nada que ver" con ela.

En declaracións aos medios en Pontevedra, Silva proclamou que este mércores é "a primeira e última vez" que se pronuncia sobre esta cuestión que "nada" ten que ver con ela. A ese respecto, lembrou: "Eu na miña vida estiven imputada, nin investigada, nin sequera fun chamada a declarar como testemuña".

Por iso, retou a quen "dubide" da súa "honorabilidade" e da súa "traxectoria intachable" a acudir aos xulgados: "Xa saben onde teñen que ir, e alí nos veremos".

Sen facer mención á sentenza (que ve probado un plan "con obxecto de beneficiar economicamente a V.F.B., persona vinculada familiarmente a un membro da Corporación Municipal de Vigo"), a presidenta da Deputación vinculou as críticas, especialmente as do PP, con "xuízos paralelos" que "son algo propio do fascismo".

ESTRATEXIA DE "DIFAMACIÓN" IDEADA POR FEIJÓO E RUEDA
Así, denunciou a "estratexia de difamación, de mentiras tóxicas, de confrontación total, de tentar acabar co adversario político tal e como se estivésemos nunha campaña bélica" do PP.

Segundo Carmela Silva esta "estratexia terrible" do Partido Popular "idéase nos despachos escuros do señor Feijóo e do señor Rueda" e sinalou que é unha táctica "propia de xente que ten pouca calidade democrática". Así mesmo, engadiu que se debe "a que están desesperados pola brutal caída electoral e xa lles vale todo".

Silva reiterou que non volverá falar deste asunto porque debe adicarse a "gobernar para a xente" e seguir construíndo "unha nova Deputación que rompa con aquela Deputación dos caciques da política clientelar, e que converteu á Deputación de Pontevedra nunha administración da que avergoñarse".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS