Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 27.11.2014  | Actualizado 11.43

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS
  • Imprimir
  • Enviar por correo

TECNOLOXÍA DE FUTURO

A simulación numérica axuda a previr grandes incendios en edificios

Recrear construcións nos computadores e estudar como reaccionan os distintos materiais que as compoñen ante o lume permite planificar como evacualas ou como evitar a extensión das lapas

Fernando Morente, investigador do Departamento de Enxeñaría de Seguridade do Fogo de Labein-Tecnalia - FOTO: H. NEIRA
Fernando Morente, investigador do Departamento de Enxeñaría de Seguridade do Fogo de Labein-Tecnalia - FOTO: H. NEIRA

HENRIQUE NEIRA   | 03.12.2010 
A- A+

A simulación numérica -técnica que emprega habitualmente recursos de supercomputación-, os incendios e a arquitectura foron os tres eixes do obradoiro celebrado onte na Facultade de Matemáticas de Santiago na que especialistas neses eidos explicaron como coa tecnoloxía existente hoxe en día é posible reconstruír edificios nos computadores e observar que sucedería neles no caso de declararse un lume de pequenas ou grandes dimensión, así como aprender tamén de que xeito reaccionan os distintos materiais que compoñen esas construcións ante o lume. Iso permite planificar como evacualas ou como evitar a extensión das lapas.

O encontro foi organizado polas profesoras da Universidade de Santiago Patricia Barral e Peregrina Quintela, xunto coa docente da Universidade da Coruña María Cristina Naya, e entre os relatores que expuxeron os avances rexistrados nestes últimos anos estivo Fernando Morente, investigador do Departamento de Enxeñaría de Seguridade do Fogo da firma Labein-Tecnalia, quen explicou como nesta empresa estudan edificios singulares para coñecer "como se comportarían ante unha emerxencia" e a partir de aí "optimizar as medidas contra incendios".

Un fume que non dana os edificios para experimentar

Morente explicoulle a este xornal que nestes estudos se analizan aspectos como "a xeometría dos edificios, o seu uso, a ocupación e outras variables como os materiais almacenados, ou as saídas de ventilación", de tal xeito que se poida previr "que tipo de lume se pode producir e como se desenvolvería".

Subliña que "se non hai medidas activas de prevención, o lume desenvolveríase con relativa rapidez", por iso hoxe as normas de edificación "xa dispoñen de solucións como sistemas de ventilación que evacúen o fume quente e esparexedores para ter controladas as lapas e que o lume non adquira dimensións inmanexables".

As simulacións virtuais que se fagan poden ser moi simples -contemplando poucas variables- ou complexas, pero en todo caso deben complementarse cun proceso de validación real "que garanta os resultados".

En Tecnalia desenvolveron para iso unha tecnoloxía de emisión de fume quente en limpo, EHCL, que está patentada, e que fai posible "producir fume quente en condicións inocuas para os edificios, e de ata seis megavatios de potencia, que sería o equivalente ó incendio dun turismo, pero é un fume que non dana. Desta maneira pode verse in situ o que pasaría realmente se ocorrese un incendio. Tecnalia, xunto co grupo Orión, creou a empresa Ignes Control precisamente para realizar validacións.

A investigadora Azahara Soilán Cañás, do Departamento de Construción do CIS-Madeira, referiuse no seu relatorio precisamente á importancia dos materiais no desenvolvemento dos lumes en edificios, e en concreto ó estudo do comportamento dos distintos tipos de adeira.

Tal como lle indicou a este diario, "analizamos tanto a reacción ó lume da madeira, é dicir, cando e como entra en combustión, así como a resistencia ó lume das estruturas de madeira que se empregan nos edificios".

Por un lado, "cando a madeira arde tende a carbonizarse, e polo tanto protéxese ante o lume", lembra, e a súa resistencia ante as lapas dependerá tamén de se está protexida ou non, pois hoxe en día existen tecnoloxías que fan posible incrementar a súa resistencia ante a presenza dos incendios.

Soilán apunta que os estudos sobre a madeira son actualmente moi importantes, pois "está a incrementarse o seu uso" en certos tipos de edificacións debido a que é "un material ecolóxico que gaña cada vez máis forza na construción, e por iso é un material de futuro".

Entre os tratamentos que melloran a súa reacción ante o lume hainos retardantes que frean as lapas, e outra forma alternativa de protexela é cubrila de maneira que non quede á vista, pois "non sempre hai por que deixala así".

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS