Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 16.10.2017 Actualizado 13:18
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Sindicatos din que a Xunta aboca á paralización dos autobuses ao "dinamitar" a opción de suspender a folga

Subliñan que o paro no transporte de viaxeiros, que comeza este martes e mércores, "é irreversible"

SANTIAGO. EP  | 19.06.2017 
A- A+

Os sindicatos UXT, CC.OO. e CIG subliñaron que a folga no transporte de viaxeiros de Galicia, convocada pola falta de acordo coa patronal sobre os convenios colectivos pero tamén en sinal de oposición ao plan da Xunta para reorganizar as liñas de autobús, "é irreversible".

Nun comunicado conxunto, as centrais acusan de "insensatez" á administración e cúlpanlle de provocar "a imposibilidade de suspensión da folga indefinida no transporte de viaxeiros de Galicia", que comeza este martes.

A Consellería de Infraestruturas tiña convocada unha reunión a tres bandas para este luns, coa patronal e as organizacións sindicais, que consideran que podería chegarse "a un consenso que posibilitase a suspensión da folga".

Pero "unilateralmente a Administración dinamitou esta opción, incumprindo un acordo de reunión de todas as partes e tratando de reunir a cada parte por separado". "Descoñecemos os motivos que levaron á administración a incumprir o pactado nin podemos entender a finalidade diso", lamentan.

En definitiva, aseguran os sindicatos que a administración "abocou á cidadanía e os traballadores do sector a sufrir e apoiar esta mobilización, respectivamente, rompendo o único acordo ao que, por agora, chegaran as partes".

As centrais sindicais solicitaron desde o inicio das conversacións, segundo sinalan, a convocatoria dunha mesa tripartita. "Consultando a todas as partes, é a única maneira de poder desenvolver un proxecto sustentable de transporte de viaxeiros na comunidade galega", destacan.

UN CONFLITO QUE "SE ENDURECE"

"O transporte de viaxeiros paralizarase mañá en todo o territorio galego e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda posibilitouno e mesmo, coa súa actuación, preferiuno así", sentencian.

Interpretan que "as súas razóns terán", pero avisan de que "esta postura de forza en defensa dun plan de transporte de viaxeiros no que unicamente cren eles e en contra do resto de implicados só pode desembocar nun conflito que só se pode endurecer".

ACTOS PREVISTOS ESTE MARTES

Entre os actos xa anunciados polos sindicatos para este martes, en Santiago, os piquetes informativos conformados polo tres centrais reuniranse a partir das 6,30 horas nas instalacións de Tralusa para posteriormente concentrarse, a partir das 7,00 horas, na estación de autobuses. Tamén se desprazarán ás principais paradas da cidade.

Tamén en Lugo, UXT, CC.OO. e CIG convocaron a un encontro que arrincará ás 8,30 horas na estación de autobuses da cidade da Muralla.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS