Hemeroteca web
|
RSS
Martes 22.05.2012
| Actualizado 12.06
Os sindicatos de función pública (CIG, CC.OO, UGT e CSI-CSIF) pediron conxuntamente á Xunta que retire as súas propostas de recortes, que inclúen medidas como non aboar o complemento aos traballadores de baixa os primeiros 21 días. Ademais, advertiron de que se o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non rectifica, non descartan unha folga.
Nunha rolda de prensa conxunta, representantes dos catro sindicatos convocaron concentracións todos os xoves deste mes para protestar contra a proposta do Goberno galego. Ademais, o próximo día 9 presentarán o escrito para pedir a retirada do anteproxecto de lei de medidas no emprego público, no cal se recollen medidas como a posibilidade de reducir a xornada ata un terzo, co consecuente recorte do salario. "Temos que lograr que non se chegue a debater ou negociar", chamou a representante de CIG, Carmen López Santamariña.
O responsable de CC.OO., Ramiro Otero, avisou a Feijóo de que, se hai unha folga, "non a van convocar os sindicatos", senón el mesmo. "Se quere convocar unha folga, que siga con estas medidas e non o descartamos; é a súa responsabilidade evitalo", avisou. "É un momento crítico", apuntou a representante da CIG, que coincidiu en que poden "chegar a unha folga", pero indicou que son os propios traballadores os que deben dicir "que isto leva consigo unha folga".
López Santamariña destacou que esta unión sindical é "histórica" e deriva do acordo sobre "a necesidade urxente de que se proceda á retirada deste anteproxecto de lei, lesivo para a administración pública galega". Por iso, agregou, as catro organizacións sindicais convocan protestas conxuntas para que "a Xunta reflexione".
Os sindicatos comezaron a facer asembleas e o próximo xoves, día 9, convocaron unha primeira concentración en San Caetano entre as 11.30 e as 12.00 horas. Ademais, será cando entreguen a petición de retirada das propostas do Goberno galego. Os actos organizaranse tamén o día 16 e o día 23 de febreiro. Para esta última xornada as organizacións chamaron a empregados públicos e cidadanía en xeral a protestar nas sete maiores cidades ás 19.00 horas.
O representante da federación de Servizos Públicos de UGT, Juan Carlos Fernández, pediu ao Executivo autonómico que deixe de converter os empregados públicos "na diana". "Se non, loitaremos e que ninguén entenda que loitamos dende ningún privilexio; somos traballadores como os que máis", sostivo.
O presidente do sector de administración autonómica de CSI-CSIF, Juan Carlos Rivas, considerou que estas medidas serán, en calquera caso, "ineficaces", como demostraron, ao seu xuízo, outras similares postas en marcha antes. Ademais, chamou á cidadanía a apoiar as protestas, posto que os recortes "laminan o estado do benestar". "A sociedade debe entender que non son un ataque contra os empregados públicos, senón contra os servizos públicos en xeral", expuxo.
ALGÚNS SERVIZOS, "EN SUSPENSO"
López Santamariña incidiu neste mesmo sentido e afirmou que as medidas que pretende implantar o Goberno galego "precarizan" e repercutirán nos servizos públicos, algúns dos cales, augurou, "quedarán en suspenso" para posteriormente ser "privatizados ou externalizados".
O representante de CC.OO., pola súa banda, indicou que nos últimos tres anos os salarios dos empregados públicos baixaron un 13% e avisou de que "non se pode crucificar aos traballadores". Ademais, Ramiro Otero augurou que os presupostos do Estado tamén aplicarán recortes neste ámbito e pediu tomar medidas no lado dos ingresos, cos impostos e a loita contra a fraude fiscal. "Pedimos a Feijóo que recapacite", dixo.
En nome de UGT, Juan Carlos Fernández considerou que as medidas propostas pola Consellería de Facenda son, ademais, "asimétricas" e "son máis inxustas cos empregados públicos que teñen máis dificultades e menos salario".
Por último, Juan Carlos Rivas, de CSI-CSIF chamou a "defender entre todos" o estado do benestar e a rexeitar medidas "de carácter demagóxico" que poñen os empregados das administracións "no punto de mira". "É unha cortina de fume ante a incapacidade de Feijóo de tomar medidas reais para a saída da crise", criticou.
