Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.01.2019 Actualizado 13:27
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Comisión de investigación da sanidade

Sindicatos piden actuar contra os "contratos en precario" en sanidade e que "se escoite a voz dos profesionais"

Din que a sanidade galega adoece de "infrafinanciación" e acusan á Xunta de "non tomar medidas contra a falta de profesionais"

SANTIAGO. EP  | 08.01.2019 
A- A+

A falta de profesionais sanitarios é, para os sindicatos, o principal problema que afronta o sistema sanitario público galego, unha cuestión fronte á que apostan por pór en marcha medidas que actúen contra a "contratación en precario" que está a levar a unha "fuga continua" de efectivos, así como de foros de debate nos que "se escoite a voz dos profesionais e dos usuarios".

Así o dixeron este martes a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, e o secretario xeral da federación de Sanidade de CC.OO., Ángel Cameselle, que compareceron na Comisión de investigación en sanidade pública do Parlamento, onde coincidiron en sinalar os problemas de estabilidade laboral e a falta de profesionais como carencias do sistema.

Neste sentido, María Xosé Abuín asegurou que é esencial "escoitar máis aos profesionais" e crear foros de debate conxuntos para que "os dous niveis de asistencia" --o hospitalario e o primario-- "traballen complementariamente e en igualdade", tras o que criticou o trato que se lle dá en Galicia á atención primaria, cuxos profesionais "ven día a día como as súas decisións clínicas son ninguneadas".

En todo caso, incidiu en que son necesarios máis profesionais e advertiu de que "non se vai a solucionar nada se non se elimina a taxa de reposición" de facultativos, que "o único que fomenta é a precariedade laboral. "Os médicos novos non van quedar para asinar 20 contratos nun mes", dixo a representante da CIG, que afeou, ademais, que "non se cubran todas as ausencias, nin en primaria nin en hospitalaria".

Sobre esta cuestión, Abuín asegurou que "non existe ningunha ferramenta que permita saber con exactitude que número de profesionais hai no sistema público sanitario de Galicia". "Temos un cadro de persoal que non sabemos cal é", dixo a representante sindical, que reclamou "instrumentos de ordenación" que permitan coñecer este cadro e cuantificar as necesidades de persoal, as xubilacións ou as reposicións, entre outras cuestións.

"NON SE TOMARON MEDIDAS"
Así mesmo, apuntou que, cos plans de ordenación de recursos humanos da Xunta --de 2012 e 2013--, a Administración galega "sabía perfectamente o número de xubilacións que ía haber" e, con todo, criticou, "non se tomaron medidas contra a falta de profesionais, pondo en perigo a atención sanitaria".

Segundo os datos manexados pola CIG, "para recuperar as prazas amortizadas" estes anos, sería necesario convocar en 2019 unha oferta de emprego de "6.067 prazas", no canto de "1.400". Estas prazas "deficitarias", apuntou Abuín, están, no entanto, "cubertas", con "contratos en precario por horas, por días ou que se renovan cada seis meses, impedindo aos profesionais "ter un proxecto de vida normalizado".

María Xosé Abuín iniciou a súa intervención criticando que esta sexa unha comisión de investigación "desnaturalizada", non só pola ausencia dos grupos da oposición, se non polo "veto a comparecentes", entre os que mencionou a Asociación de Matronas, a Asociación Galega de Saúde Mental ou os profesionais de xestión e servizos e o persoal investigador.

Do mesmo xeito, asegurou que as medidas postas en marcha neste ámbito pola Xunta e a súa política de "facer máis con menos" foi "un fracaso" que "non serviu para ofrecer unha resposta á atención sanitaria" na Comunidade. Para iso, puxo como exemplo a situación que se vive na área sanitaria de Vigo ou as protestas na PAC.

"Desde 2010 levamos repetindo que isto ía ser o que é hoxe en día", apuntou a representante de CIG-Saúde, que acusou á Xunta de "favorecer os intereses da sanidade privada" e levar a cabo un "desmantelamento progresivo da atención primaria" que sofre problemas como a falta de "capacidade resolutiva", a "dificultade de derivación" ou a carencia de "persoal e medios". "Ese é o seu modelo sanitario", dixo aos deputados do Partido Popular.

UNHA SANIDADE "INFRAFINANCIADA"
Durante a súa quenda, o representante de CC.OO. sacou a colación a "perda de poder adquisitivo" dos profesionais sanitarios nos últimos anos, á vez que asegurou que o "principal problema" do sistema é "a infrafinanciación da sanidade", algo que supón "unha fuga de profesionais continua".

Para Ángel Cameselle, en Galicia existe un "problema grave de xestión" e unha "falta de compromiso co público". Fronte a isto, apostou por un novo modelo organizativo, por cifrar "cantos profesionais fan falta" e por aumentar o financiamento é este ámbito.

Do mesmo xeito, sostivo que hai unha "falta de calidade democrática no sistema", no que "non se escoita a voz dos profesionais e dos usuarios". Por este motivo, reclamou que se "siga falando" co sector e que "haxa foros de discusión e de debate", así como que se aborde a "falta de profesionais en primaria".

Ángel Cameselle indicou que "hai case 30 anos" xa "se dicía que había unha carencia importante de pediatras", unha cuestión para a que non se puxeron en marcha medidas con tempo. Hoxe en día, explicou, "debe exporse que é necesario ampliar prazas MIR nalgunhas especialidades".

A maiores, reclamou abrir o debate sobre o peche de camas no verán e o traballo dos quirófanos en horario de tarde, sacando un informe realizado por Comisións Obreiras hai uns anos, no que cifraban en 4.000 a pacientes da área de Vigo que se poderían sacar das listas de espera se se activasen todas as camas hospitalarias e "unha parte dos quirófanos polas tardes durante os veráns". "Era un estudo rigoroso, e foi entregado no seu día, pero non obtivemos resposta", subliñou.

Cameselle dedicou tamén parte da súa intervención á área sanitaria de Vigo, na que criticou a "conversión" do Hospital Álvaro Cunqueiro nun centro de "xestión privada" que, a maiores, comparte parte da pacientes da área co concerto de Povisa, uns fondos que "poderían dedicarse a contratar máis profesionais".

"Vigo, coa maior porcentaxe de privatización, ten a maior lista de espera", asegurou o sindicalista, para quen "os recortes teñen como consecuencia unha peor atención sanitaria e unha maior insatisfacción da cidadanía".

FORMACIÓN MIR CON "CALIDADE"
Na súa quenda, o deputado popular Aurelio Núñez Centeo defendeu as políticas da Xunta en materia sanitaria e apostou, en canto á falta de persoal, por "incorporar" prazas MIR, "pero con 'sentidiño'".

"Non se pode perder a envexada calidade formativa do sistema", apuntou Núñez Centeo, quen rexeitou "formar especialistas como churros", xa que "repercutiría na calidade".

A maiores, Núñez Centeo apoiou a política de "facer máis con menos" do Goberno de Núñez Feijóo e asegurou que neste período "melloraron os indicadores de actividade" e as "listas de espera". "Hai máis persoal", sostivo, e leváronse a cabo "melloras nos centros", á vez que se "inviste menos en concertos".

Do mesmo xeito, apuntou, en relación á folga do persoal da PAC, que "están en negociacións" con Sanidade e "teñen parte das súas reivindicacións aceptadas pola Consellería". Finalmente, mostrouse disposto a "traballar" no ámbito da actividade de tarde nos hospitais galegos. "Aí, si estamos de acordo, hai que avanzar", apuntou.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS