Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
O número de familias e empresas que se declararon en concurso de acredores (suspensión de pagamentos e quebras) ante a imposibilidade de afrontar os seus pagamentos e débedas alcanzou as 149 no segundo trimestre do ano en Galicia, o que supón un aumento do 35,4 por cento sobre o mesmo período do ano pasado.
De acordo cos datos publicados este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE), son 124 as empresas galegas que se declararon en quebra entre abril e xuño, fronte ás 95 que o fixeron nas mesmas datas de 2011. En canto ás familias, as 15 que o fixeron nese período do ano pasado contrastan coas 25 que o fixeron neste 2012.
En toda España, as familias e empresas que se declararon en concurso de acredores ascenderon a 2.272 no segundo trimestre do ano, cifra un 28,6 por cento superior á do mesmo período de 2011 e a máis alta dende o inicio da crise.
En concreto, as empresas en concurso aumentaron un 36,2 por cento no segundo trimestre, ata as 2.026, mentres que as familias concursadas caeron un 12,1 por cento, ata sumar 246 procedementos de quebra.
Volvendo sobre os datos de Galicia, sitúan á autonomía no quinto lugar con máis procesos concursais do Estado tras Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid e Andalucía.
TIPO DE CONCURSO
En canto ao tipo de concurso, un total de 141 procesos en Galicia foron voluntarios, mentres que os oito restantes foron necesarios. Ademais, 19 seguiron un trámite ordinario e 130 optaron polo abreviado. Na maior parte dos casos (148 de 149) non existía unha proposta anticipada.
Asemade, os datos estatísticos revelan que, ademais das 25 persoas físicas sen actividade empresarial que se declararon en quebra, fixérono sete persoas físicas con actividade empresarial, 13 sociedades anónimas, 102 sociedades limitadas e dúas empresas doutra tipoloxía.
ACTIVIDADE ECONÓMICA
Por actividade económica, a maior parte das empresas concursadas no segundo trimestre (40 de 124) pertencen ao sector da construción e, na súa maioría, ao subgrupo de edificación e promoción inmobiliaria. A industria é o segundo sector máis afectado, cun total de 30 empresas quebradas, na súa maioría (16) relacionadas cos bens de capital.
O comercio ao por maior rexistrou ata 21 empresas en suspensión de pagamento e o transporte e o almacenamento sitúase como cuarto sector máis prexudicado, con nove compañías quebradas.
No lado oposto, as empresas de sectores relacionados con agricultura e pesca e con enerxía son as únicas que non rexistraron ningún procedemento concursal no segundo trimestre deste 2012.
TAMAÑO DA EMPRESA
Entre as empresas en quebra, as máis numerosas tiñan un ou dous asalariados (28), mentres que 24 tiñan entre 10 e 19 traballadores; outras 19, entre seis e nove; e 15, ningún empregado. O único grupo de empresas que se mantivo sen quebras foi o de máis de 100 traballadores.
En canto ao volume de negocio, 99 empresas estaban por debaixo dos dous millóns de euros e outras 13, entre dous e cinco millóns de euros. Entre cinco e 10 millóns, foron tres as empresas concursadas, as mesmas que facturaron máis de 10 millóns de euros.
