Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Soberanía, democracia e traballo

XABIER PÉREZ IGREXAS  | 25.07.2011 
A- A+

Así reza o lema co que o Bloque Nacionalista Galego convoca a manifestación nacional do Día da Patria Galega deste ano. De seguro que seremos milleiros de compatriotas comprometidas/os con este pobo e con esta terra as e os que ateigaremos as rúas de Compostela nun exercicio de dignidade nacional que nada ten de ritual, e si moito de significado. Porque se algo amosou, con meridiana claridade, este primeiro treito da crise sistémica do capitalismo neoliberal é que é o movemento nacionalista galego, co seu efectivo carácter popular e a súa natureza emancipadora, a única alternativa, o único proxecto político, que actúa de xeito decidido en defensa dos intereses das clases populares do noso país. Todos os ataques antisociais perpetrados polo PPSOE, chámense reforma laboral ou das pensións, chámense precarización dos servizos públicos ou contrareforma da negociación colectivos, todos, toparon coa oposición frontal do nacionalismo galego.

O lema tampouco é accesorio. A consigna deste ano encerra unha profunda significación e representa ao tempo as preocupacións e as arelas de todo un pobo. Non enuncia, senón que reivindica cuestións que malia o seu carácter fundamental, esencial e básico, inda non temos conquistado plenamente ou xa non fican suficientemente garantidas.

Demandamos a soberanía que nos nega o centralismo españolista, hoxe en fase de agudización para mellor servir aos intereses da oligarquía empresarial e financeira no seu proceso de concentración de riqueza e poder. Demandámola ademais inmersos en toda unha emerxencia nacional, resultante do primeiro bienio de Feijóo na Xunta cuxo balance sintetízase no seu teimudo esforzo por destruír a nosa identidade como nación e actuar como sucursal ao ditado da cúpula española do Partido Popular. E precisamente neste intre de crise, demandamos a nosa plena capacidade de decisión para rachar co neoliberalismo que dirixe o Estado español e a Unión Europea, para avanzar cara un novo sistema socioeconómico máis xusto e igualitario.

Reivindicamos democracia. Unha democracia real, unha democracia profunda e efectiva, que vaia alén da vixente democracia formal de corte burgués 'nacida ao abeiro da legalización do franquismo que deron en chamar 'transición-, que supere esta abafante poliarquía trala que se agocha a plutocracia de sempre. Porque cando o poder é exercido de facto pola banca e o grande capital, non ficamos en democracia. Porque cando é a man negra dos 'mercados' a que dirixe a política, non ficamos en democracia. Unha democracia que para ser real, que para ser efectiva, ademais esixe o recoñecemento dos dereitos fundamentais de carácter colectivo, principiando polo de autodeterminación.

E por último demandamos traballo. Demandamos poder traballar na nosa terra. Demandamos desenvolver as nosas potencialidades produtivas, como vieiro indispensábel para unha economía autocentrada, para unha economía de noso. Mais tamén reclamamos que sexa o traballo, a economía produtiva, o elemento que prele na súa contradición dialéctica co capital. Ao cabo, aspiramos de vez ao fin da explotación das clases traballadoras da nosa nación.

Acrecéntase o lema do BNG coa declaración 'Estamos por Galiza, a favor do pobo', pois hoxe é innegábel que non hai compromiso patriótico de verdade se este non se traduce nun compromiso coa maioría social. Porque ao fin, algúns cando falamos de patria falamos de pobo. Falamos de pobo traballador, e por iso máis unha vez faremos resoar nas rúas de Compostela a arela dunha Galiza Ceive e Popular.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS