Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Sobreviven e medran

XOSÉ A. GACIÑO  | 25.06.2017 
A- A+

Sobreviven á moción de censura contra a presidenta da Comunidade de Madrid, á moción de censura contra o presidente do Goberno central e ao desfile xudicial de importantes dirixentes dos últimos vinte anos –que coroará o máximo deles a finais de xullo– como testemuñas cegas e ignorantes da corrupción que lles rodeaba, sen que, de momento, se cambalee o seu status de primeiro partido de España. Mesmo sobreviven a unha sentencia do Tribunal Constitucional sen que se molesten en facer a máis mínima rectificación.

Certo que aumenta a sensación de que a súa fraxilidade parlamentaria lles pode facer naufragar en calquera momento, pero son capaces de arrincar apoios decisivos, voto a voto, nas cuestións realmente importantes, como os orzamentos xerais do Estado. Contan, ademais, coa incapacidade de que se poñan de acordo máis de dous grupos de oposición (un deles, por enriba, ten subscrito con eles un pacto de investidura que semella máis un pacto de lexislatura pola serie de puntos a desenvolver ao longo dos catro anos, e que parece un socio do goberno infiltrado na oposición).

Na Comunidade de Madrid, a moción de censura serviu para confirmar, unha vez máis, que as supostas alternativas críticas e centristas no seo da dereita gobernante son tan reaccionarias e casposas como os máis reaccionarios e casposos portavoces superiores. O nivel dos portavoces superiores comprobouse, unha vez máis, no debate da moción de censura ao presidente do goberno central, que serviu para refrescar a memoria sobre a corrupción que non cesa e para valorar o volume que vai acadando, enumerados e sumados todos e cada un dos casos. Limitáronse un a esquivar (o presidente que nunca sabe nin contesta) e o outro a contraatacar (o portavoz parlamentario que todo o manipula), confiados en que, despois de todo, a moción non sairía adiante e que os didácticos discursos quilométricos dos censores rematarían por aburrir ao persoal.

Da mesma maneira tanxente reciben a sentencia do Tribunal Constitucional que anula a famosa e chapuceira amnistía fiscal, como se non fose con eles. Consideran que, como moito, cometeron un erro de procedemento, desculpábel pola necesidade de salvar España do abismo ao que se dirixía como consecuencia da herdanza recibida (aquela que prometeran que nunca manexarían como escusa). Un erro menor en definitiva, agora que a economía medra por enriba de todas as medias europeas.

Sobreviven eles e medran eles e os intereses que eles defenden. Algo queda para os demais, instalados na precariedade e na loita pola supervivencia laboral. Debe de ser suficiente se as urnas seguen a serlles propicias (e as enquisas seguen a vaticinar o seu primeiro posto). Claro que sempre haberá quen os critiquen por esixir aos demais o cumprimento da legalidade a pesar da longa lista de ilegalidades cometidas baixo o seu amparo, e por erixirse en defensores case exclusivos dunha Constitución que eles tamén infrinxen. Pero eses deben de ser demagogos radicais e extremistas, segundo comentaba o outro día Mariano Rajoy, aínda que, mentres o escoitaba, por un momento pensei que se estaba a referir a Rafael Hernando.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS