Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Luns 20.05.2013  | Actualizado 20.08

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Sobrevivimos, que non é pouco

XOSÉ A. GACIÑO  | 18.08.2012 
A- A+

Apagada a estrela de Hollande, cando apenas se cumpren cen días dos seus primeiros fulgores neste estancado universo europeo de todas as crises, debilítanse as posibilidades de facer frontes contra a austeridade dogmática, aínda que sempre queda aberta a outra posibilidade, a da “liña de crédito en condicións moi favorábeis” (que repetirá no seu momento o presidente Rajoy para explicar o novo rescate, que quizais chegue a pedirse antes de que se empece a recibir o primeiro, que segue pendente dous meses despois de acordalo: así de áxil funciona a maquinaria europea).

 

Pero sobrevivimos, que non é pouco, nos días máis calorosos de agosto, entre incendios forestais, que non entenden de recortes nin de ministros ignorantes en xeografías insulares, e intervencións policiais tan contundentemente calorosas como as temperaturas de verán, o mesmo na propia Francia das liberdades, último bastión da esquerda, que na sempre castigada Galicia, onde a dereita considera subversivo o traballo dos fotógrafos, tanto no paseo estival do presidente como na chegada duns deportistas olímpicos.

 

Entre o terceiro grao concedido a un etarra condenado polo secuestro máis prolongado e cruel da historia de ETA, á espera de que a extrema dereita chame traidor a este goberno, como lle chamaba a outros gobernos en casos semellantes, e o asilo político concedido por un pequeno país latinoamericano a un informador que trata de escapar das represalias do gran imperio por ter revelado (confirmado máis ben) certos excesos dos seus militares en territorios ocupados, así como certas arrogancias e incompetencias do seu corpo diplomático, represalias de incomunicación e vexacións que xa está a sufrir o soldado ao que se acusa de ter pasado os documentos que acreditan a barbarie, e que tristemente recibe menor cobertura mediática da que necesita para defenderse.

 

Sobrevivimos ao caloroso agosto e a ver se sobrevivimos a un setembro máis temperado no meteorolóxico, pero previsibelmente máis quente en tantos outros aspectos que provocarán indignacións cidadás, desde subidas de prezos a novas roldas de recortes, que calquera cousa cabe esperar de gobernantes tan decididos a facer “o que hai que facer”, sexa o que sexa o que haxa que facer.

 

Síntoo polo 92,3 por cento de españois (93 por cento de galegos) que lamentan que os medios de comunicación estean demasiado cargados de malas noticias e desexarían máis informacións positivas, pero as cousas están como están: nin sequera podemos recibir en paz e con alegría aos nosos esforzados deportistas olímpicos.




Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS