Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 29.08.2014  | Actualizado 20.58

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

LUCERNA DA PORTELA

Solemne foliada

XOSÉ MANUEL LOBATO MARTÍNEZ  | 23.08.2011 
A- A+

Irmáns de barrelo, compañeiros das brincadeiras, fillos dunha mesma terra nai. Todos eles honrados desde hai anos na súa festa, a romaxe festeira da emigración esparexida fóra da xeografía de Galicia.


Música, foguetes e unha boa bandullada, imprescindible unha abondosa e solemne comida como paso previo á indixestión para abandonarse no tratamento do viño, augardente,... que mitigan a dor do desarraigo nunha amnesia momentánea, qué pena de aturuxo nativo.


Non debemos supoñer malas intencións nas persoas que deciden organizar tanta festa do emigrante, mais por si mesma a mencionada festiña semella malévola, absolutamente ruín.


Por desventura, a maioría dos galegos e galegas son obrigados a saír fóra para subsistir, sempre en condicións moi desfavorables, mais cando ousaban estricar o pé máis aló da súa porta, xa eran considerados na propia terra de nacenza unha parte desa Santa Compaña da Galicia foránea, de moi dubidosa existencia.


Con este colectivo de pegada galega a realidade sempre foi diabólica, pois cando retornaban ou volven na procura da súa orixe eran e son acollidos como estraños, xa son observados como parte dese descoñecido País dos Ananos no poboado dos pitisos tarambainas.


Descoñecido na súa xénese, persoeiro xerador de todo tipo de controversias, provocador de acedas críticas e entusiastas eloxios, todo un compendio de rédeas interesadas que tentan chuchar sen desmaio e con arduo descaro.


Bombas de palenque, repique de campás e murmurios de ácido talante, despois de tantas edicións a festa do emigrante está asentada, tamén espallada por calquera recuncho de Galicia.


Non somos quen os galegos de agasallar os nosos irmáns como o que son, irmáns de terra e sangue, unha tristura ser recoñecido oficialmente na túa terra coma un descoñecido emigrante.


Proposición errónea ou acertada, posiblemente a resposta está na cidadanía galega e máis concretamente onde esta celebración goza de gran acollida como acontece en Val do Dubra, Navia de Suarna, Pol, Agolada, Tordoia,... orgullosos todos celebran a foliada do emigrante.


Arriscada agnosia, fas que meu irmán me considere coma un descoñecido, un ninguén que non pertence a ningures, nin tan sequera me concede a oportunidade da morriña por nacenza e apego a unha terra que me pertence, aínda que sexa por nacenza e de forma emocional.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS