Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

A sombra alargada da ultradereita

XOSÉ A. GACIÑO  | 29.11.2018 
A- A+

Trinta anos cumpríronse, a primeiros de novembro, da aparición nunha praia de Tarifa (Cádiz) do primeiro cadáver dun inmigrante que atravesara o Estreito de Xibraltar para tratar de chegar a España. Trinta anos despois, neste mes de novembro do 2018, máis de vinte cadáveres de inmigrantes foron aparecendo, ao longo de dúas semanas, noutra praia do litoral gaditano, a de Los Caños de Meca, en Barbate. Como unha sorte de símbolo do que non se ten avanzado en trinta anos dun fenómeno ao que nin España nin toda a Unión Europea é capaz de dar unha saída minimamente razoábel.

Trinta anos despois daquel primeiro cadáver, e cos últimos cadáveres aínda á vista, coincidindo xa coa campaña electoral en Andalucía, o líder do Partido Popular volve repetir as obviedades de que aquí non hai sitio para todos (non volve dicir o dos cincuenta millóns de africanos preparados para invadirnos, pero supoño que o da por sobreentendido) e que os que cheguen non deben practicar costumes que infrinxan as nosas leis, ademais de advertir contra os que veñen a aproveitarse dos nosos servicios sociais. Obviedades, tópicos e falsidades que repite a dereita cando está na oposición, como se cando goberna fixese algo moi diferente do que fai un goberno socialista (aínda seguen as concertinas que o goberno de Rodríguez Zapatero colocou nas vallas fronteirizas de Ceuta e Melilla).

Parece que a sombra do partido ultradereitista Vox se vai facendo cada vez máis alargada desde que a súa presencia fose conxurada pola enquisa -disque cociñada- do Centro de Investigacións Sociolóxicas sobre as eleccións autonómicas andaluzas e se repetise despois en todas as sondaxes electorais privadas, que, como algúns sospeitan, cociñan ao gusto de quen as encargan. Tan alargada parece que o goberno español, tan dilixente no seu día (hai cinco meses) para acoller aos migrantes recollidos polo buque de salvamento Aquarius, fretado pola ONG Médicos sen Fronteiras, agora aconsella ao capitán do pesqueiro alicantino Nuestra Madre de Loreto que traslade a un porto libio aos migrantes que recolleu en alta mar, cando fuxían precisamente de Libia, un país ao que, por certo, o goberno español recomenda oficialmente non viaxar por estar gravemente afectado pola violencia, o terrorismo e o deterioro xeral da seguridade. 

Como en case toda Europa, a ultradereita vai máis alá da súa representación electoral, máis ou menos limitada segundo os países, e consegue contaxiar ao resto dos partidos políticos das cuestións que ela considera prioritarias e mesmo das súas propias propostas sobre esas cuestións. Cuestións que, como esta da inmigración incontrolada, se veñen arrastrando desde hai tempo (trinta anos, polo menos) sen que nin a esquerda nin a dereita, nin os gobernos nacionais nin a Unión Europea teñan pasado do control de fronteiras ou, nalgúns casos, da asistencia humanitaria. Un problema de incompetencia que, evidentemente, a ultradereita non vai resolver, pero do que non parecen ter conciencia clara os incompetentes que se deixan arrastrar por unha ultradereita á que, en certa maneira, están a promover.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS