Hemeroteca web
|
RSS
Martes 22.05.2012
| Actualizado 12.06
![]() |
| Veciños da Terra Chá manifestándose contra a mina de seixo de Erimsa nunha mobilización do 2007 FOTO: ANGAR |
Unha das comarcas rurais por excelencia de Galicia volve ver ameazado o seu motor económico: o agrogandeiro. Oito anos despois de que a multinacional Erimsa solicitase explotar os ricos xacementos de seixo existentes na Terra Chá, o inicio da actividade mineira está máis preto que nunca, cun cambio de lexislación que lle abre á porta ó labor extractivo en solo rústico. Un total de 1.147 explotacións e máis de 25.000 cabezas de vacún veranse afectadas directamente polas tres minas de seixo, que se estenden ó longo de 5.700 hectáreas polos concellos da Pastoriza, Cospeito, Castro de Rei, Abadín, Vilalba e Riotorto.
A pesar de que Erimsa xa obttivo a concesión das explotacións en 2007 -por un período de 30 anos prorrogable ata os 90-, a lexislación prohibía a actividade extractiva en sólo rústico de protección agropecuaria, unha restricción que afectaba case ó 100% do chan incluído no proxecto extractivo. Esta salvagarda para os produtores da zona estivo a piques de ser abolida ese mesmo ano coa modificación da Lei de Minería de Galicia, que avogaba porque a actividade extractiva en solo rústico pasase a estar permitida con licenza municipal. Non obstante, a presión social impediu que a iniciativa prosperase, manténdose a prohibición ata o 31 de marzo pasado, cando o DOG publicou a reforma do Lei do Solo, pola que é posible de-senvolver esta actividade con autorización da Xunta.
Este novo escenario levou os veciños da Terra Chá a poñerse de novo en pé de guerra, denunciando o grave impacto que a industria mineira tería sobre a economía local da zona e sobre o medio. "A Terra Chá non é un deserto, nin unha comarca deshabitada. É das poucas zonas de Galiza nas que aínda se mantén un número importante de explotacións gandeiras, que ademais son o motor económico destes concellos, e que impide a despoboación do rural", apunta Margarida Prieto, responsable do Sindicato Labrego Galego (SLG) na comarca lucense. Xunto co impacto directo a un bo número de explotacións, Prieto destaca que a actividade mineira leva a un descenso do nivel do terreo -mínimo de 10 centímetros-, ademais de acabar co croio que actúa de drenaxe e conserva a humidade que fai fértiles ás terras da comarca. "Os terreos que agora permanecen inundados dous meses, anegaranse todo o ano como consecuencia do descenso do nivel do solo e de remover a capa orgánica, deixando infértiles as terras durante 12 anos", din dende o SLG.
Pídenlle á Xunta informes do impacto sobre o agro
Á espera de que se resolvan os contenciosos interpostos pola concesión das licenzas a Erimsa, a Comisión de Asociacións en contra das minas da Terra Chá tratará de evitar que a Xunta lle dea luz verde ó último trámite que lle falta á empresa para iniciar a actividade. Para iso, esixen informes de Medio Rural nos que se avalía o impacto que a minería terá sobre a actividade agrogandeira, así como da Confederación Hidrográfica e de Medio Ambiente, xa que boa parte da zona afectada está protexida pola Rede Natura e integrada nun LIC. A loita pasa tamén por activar unha vez máis á masa cidadá, que tras a vitoria en 2007, vivía tranquila traballando as súas terras.
Anos investindo no agro da zona
De poñerse en marcha a actividade mineira, non só se vería comprometido o modo de vida de moita xente, senón os recursos públicos e privados destinados durante anos a revitalizar a zona: 9.086.329 euros en concentracións parcelarias; 4.689.338 euros para a mellora das explotacións por parte dos titulares -e 3.403.678 euros da Administración-; enormes investimentos en sistemas de rega -o último en Castro de Rei e Cospeito supuxo case 4 millóns de euros-. "E centos de explotacións levantadas por xeracións de labregos que agora corren perigo", engade Prieto.
O Valedor pediu unha nova DIA
Un Informe do Valedor do Pobo aconsella reformular a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) incluída no expediente de Erimsa, ó consideralo moi incompleto, xa que non inclúe o patrimonio histórico-cultural e natural que se debe conservar. O beneficio económico foi o que prevaleceu ó conceder a licenza, xa que o seixo é un material moi prezado para fabricar microchips e placas fotovoltaicas. Non obstante, prevese que Erimsa apenas cree unha ducia de empregos.
Reivindicación lúdica o día 22
A anulación da solicitude de extracción de seixo contará o próximo sábado co apoio de coñecidos xuristas galegos e reputados escritores como Darío Xohán cabana, Xavier Cordal ou Margarida Ledo, que participarán na Xornada contra a explotación do seixo da Terra Chá. O festival lúdico-reivindicativo terá lugar no recinto de Moexmu (Mostra Exposición de Muimenta) e contará con actuacións musicais de Ruxe Ruxe, Zenzar, De Perfil, Dios ke te crew e Banda Potemkin.
