Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 12.11.2019 Actualizado 12:08
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ESTALEIROS

SOS do naval de Ferrol despois de 500 despedimentos

Agárdanse outros 1.500 no vindeiro verán, cando Navantia quede sen traballo // Uns 2.500 operarios da principal, auxiliares e prexubilados marchan en reclamación dun buque AOR

Os manifestantes nas rúas de Ferrol - FOTO: PH
Os manifestantes nas rúas de Ferrol - FOTO: PH

PATRICIA HERMIDA. FERROL  | 07.11.2019 
A- A+

Baixo a chuvia inclemente de Ferrol, o naval protagonizou este xoves a súa enésima mobilización. Acumula case 500 despedimentos nas auxiliares, a carga de traballo esgotarase definitivamente o vindeiro verán cos dous buques para Australia. E para entón prevense outros 1.500 despedimentos, xa que as fragatas F-110 non se inician ata febreiro de 2022. Nunha cidade nacida á sombra dos estaleiros, iso implica unha nova crise económica de case dous anos por diante. Máis de 2.500 operarios de Navantia, auxiliares e prexubilados marcharon desde a factoría ata o edificio da Xunta. Piden á administración autonómica que se implique na reclamación ao goberno central dun buque de apoio loxístico ou AOR, que paliaría a desocupación ata 2022.

“Xa entramos en subactividade, os talleres de aceiros están parados salvo os bloques para reparacións... e toda a auxiliar marchará para a rúa sen data de volta, iso é o que máis dano fai”, indica Miguel Pol, voceiro do comité de Navantia-Ferrol. Os operarios entregaron no edificio da Xunta 4.000 sinaturas, “para que se implique onde ten competencias, como a fábrica de turbinas que pode ser un puntal para a eólica europea ou as inversións en reparacións”. Denuncian que “as F-110 retrasáronse por intereses políticos e agora na comarca volveremos ás taxas de paro de hai catro anos, ata chegar a un 30%”.

Xa desde febreiro houbo protestas para reclamar esa carga de traballo: “Pedimos un AOR porque xa ten a enxeñería consolidada por encargos similares e o corte de chapa pode iniciarse en poucos meses, ademáis a Armada necesita ese barco”. Os traballadores rexeitan as últimas declaracións do PSOE, que indicaba que o AOR non e unha necesidade para o Ministerio de Defensa. Segundo o comité de Navantia, “a responsabilidade do partido do goberno é comprometerse con Ferrolterra”.

Lamentan desde o comité “a irresponsabilidade do PSOE e do PP, na pasada crise vivimos a emigración de profesionais e aínda hoxe temos un desempreo desproporcionado... iso é un fracaso político do máis alto nivel”. Ademáis avisan sobre a “posible destrución do tecido industrial que rodea ao naval, ou se implican as administracións ou teremos un deserto industrial”. O primeiro buque australiano entregarase en febreiro de 2020 e o segundo no verán, quedan activas reparacións e turbinas (con caixas reductoras para as corbetas árabes).

Á manifestación acudiron representantes políticos como Yolanda Díaz (candidata ao Congreso por Galicia en Común-Unidas Podemos), que acusou á ministra de Defensa en funcións de “presumir de ter carga de traballo e agora vemos que faltou á verdade, pois temos fortes despedimentos nas auxiliares e esta comarca non ten futuro sen o naval”. Para o deputado do BNG, Xosé Luis Rivas ‘Mini’, “é un despilfarro ver a tanta xente capacitada sen carga de traballo, estamos ante unha barbaridade que Ferrolterra non se merece”.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS