Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 26.06.2019 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Subvencións para ricos

XOSÉ A. GACIÑO  | 23.10.2018 
A- A+

Cando se fala de axudas, subvencións, subsidios... case sempre se pensa en xubilados, parados, dependentes, xornaleiros andaluces ou cineastas de esquerdas. Pero, de vez en cando, algún escándalo económico especial nos recorda que, neste país, tamén os ricos, sobre todo os moi ricos, están subvencionados, bonificados e fiscalmente beneficiados.

Por exemplo, que a multinacional Alcoa ameace con pechar as súas factorías da Coruña e Avilés porque lle sae moi cara a luz, a mesma ameaza coa que conseguiu, hai catro anos, que lle aplicasen a bonificación á que aspiraba na súa tarifa eléctrica, a través do curioso mecanismo do servicio de interrompibilidade, iso de estar disposto, a cambio dunha boa rebaixa na tarifa, a ser desconectado da rede no caso de sobrecarga xeral ou por falta de xeración, circunstancia que, polo visto, nunca se da: os cortes no subministro soen ser aleatorios e afectan máis aos de sempre, aos que teñen unha precaria infraestrutura, que se funde con calquera incidente.

No caso de Alcoa, ademais, a ameaza e o pretexto parecen camuflar un novo caso de deslocalización, moi propio das multinacionais, sempre atentas a aproveitar as facilidades de todo tipo (desde fiscais a laborais) que lle poidan ofrecer nun determinado territorio até que atopan outra localización na que as facilidades sexan maiores. Non fan máis que aplicar os seus principios de eficiencia económica, aínda que ás veces con certa trampa, como a de non modernizar as súas instalacións. Máis contas habería que pedirlles aos políticos que facilitan axudas sen establecer as condicións axeitadas ou sen controlar suficientemente o cumprimento das condicións. Ou que privatizan empresas públicas a prezos de saldo, como ocorreu con Inespal, vendido no 1998 á multinacional estadounidense Alcoa.

Aínda que a Unión Europea trata de manter un réxime restritivo das axudas públicas ás empresas, para non distorsionar a libre competencia no marco comunitario, a realidade é que non faltan mecanismos cos que cada estado procura incentivar determinadas actividades económicas. Na gran crise, da que non todos remataron de saír, puxéronse en marcha diversos tipos de incentivos económicos e de exencións e deducións fiscais -ademais de reformar as condicións de traballo- para intentar que as empresas puidesen manter a súa actividade. O problema é que, cando as empresas van recuperando beneficios, se resisten a que lles retiren os incentivos e a volver tributar como antes da crise, como tampouco queren restablecer as anteriores condicións laborais.

E todo iso sen entrar no escuro mundo da corrupción en torno ás adxudicacións de obras e servicios públicos. Resulta chocante -por dicilo de xeito irónico- que moitos dos que se din liberais, partidarios de menos estado e máis iniciativa privada nunha economía de mercado absolutamente libre, recorran aos fondos públicos para facer os seus negocios.

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS