Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 27.04.2017 Actualizado 18:48
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Está superada a crise?

MANUEL MERA  | 20.04.2017 
A- A+

A revisión en sentido positivo das previsións do PIB para o Estado español por parte do FMI, tanto para este ano como para o 2018, fixeron que o Goberno central e autonómico boten foguetes. Seguramente coidan que os dados dunha das institucións globalizadoras de referencia permítenlle lexitimar diante dos electores/as as duras medidas de axuste que tomaron nestes anos. Medidas que o PP quere manter a toda costa, mesmo facendo caso omiso das posturas maioritarias do Parlamento. Porén, é xa a crise cousa do pasado? Ou propia desta etapa senil do capitalismo, e polo tanto sistémica?

O medre do PIB non foi consecuencia da deflación salarial e do investimento en i+d+i, como argumentan goberno e empresarios. Foi alentado polo auxe turístico, por mor de problemas nos países competidores, pola queda do prezo do petróleo, por unha relación dólar/euro máis vantaxosa para as exportacións, e pola flexibilidade cuantitativa do BCE. Canto durarán todos estes aspectos conxunturais? Como incidirán o xiro de Trump e o brexit? Que consecuencias terá en cada estado o burato que deixa o brexit na contribución a Bruxelas?

Analicemos a situación económico-social da nación galega. Que se manteña a tendencia á creación de emprego dos dous últimos anos é un dado positivo. Mais non se poden pechar os ollos, sobre as consecuencias sociais catastróficas, a que en boa medida se trata de traballo temporal, ou a tempo parcial, e con salarios moi baixos, con horas extras polas que non se paga e polas que non se cotiza. Como consecuencia directa, hai persoas que mesmo son pobres traballando, diminuíu da natalidade, e son menores os ingresos do sistema de pensións.

Tampouco se pode obviar que a reforma fiscal regresiva acentuou a presión sobre os salarios, vía IRPF, e sobre o consumo, a través do IVE, para compensar as reducións do imposto de sociedades e a rebaixa impositiva aos tramos máis altos do IRPF. E por se non abondase, privatizáronse parcialmente e reducíronse as prestacións básicas (ensino, saúde, desemprego, dependencia, pensións, etc.). Evidentemente, estas medidas regresivas non foron casuais, porque o que se quitaba por un lado cunha man, se lle daba xenerosamente coa outra ao gran empresariado.

A esta altura, existen na Galiza 156.000 ocupados menos que hai oito anos, cando comezou a crise (en realidade un duro axuste no reparto do PIB entre territorios e clases sociais). E a participación do traballo no PIB reduciuse significativamente. No ano 2009, os ingresos do traballo representaban un 48% do PIB e hoxe son só o 42,9%; mentres que as rendas do capital pasaron do 43,8% ao 47,1%. Só no ano 2016 o traballo perdeu 1,1 puntos, o mesmo que aumentou o capital. Ou sexa que o medre da economía fíxose exclusivamente en beneficio das empresas e dos autónomos. Polo tanto, pra clase traballadora, no noso país a crise non rematou, tanto no aspecto cualitativo como no cuantitativo.

Por estes motivos, o Estado español e Galiza teñen o triste mérito de ser un dos territorios con maior desigualdade de Europa. Como dado alarmante, un 13,1% dos asalariados/as e un terzo dos nenos e nenas están en risco de pobreza. Razón pola que Bruxelas alertou o Goberno central de que este modelo de crecemento non é o máis axeitado. Claro que, para ser equilibrado na valoración, non se pode ignorar que a UE por unha banda recoñece estas eivas, e pola outra, impón medidas que contribúen á concentración e centralización da riqueza e do poder.

O Goberno de Rajoy afirma acotío que se sente avalado nas súas reformas económicas e laborais polo medre do PIB, que xa está nos mesmos parámetros que antes da crise, e polo crecemento do emprego. E argumenta que a precariedade e os baixos salarios deixarán de selo co medre da economía. Porén, esta hipótese non se verificou nos últimos anos malia o medre do PIB, e carece de fundamentos. O consumo está universalizado nun mercado aberto, a man de obra de reserva sempre se pode aumentar coa inmigración, evitando así o aumento salarial por falta de oferta. Ademais, a inmensa maioría dos países do mundo están a competir reducindo salarios ou aumentando xornada e ritmos, ou ambos á vez. A moeda única, a eliminación de aranceis, a libre circulación de capitais fortalecen esta tendencia.

O desenvolvemento e a eliminación do desemprego dependen en boa medida do control de cada país sobre o tecido produtivo e o mercado interno, e dunha planificación acaída do comercio exterior e do proceso migratorio. Porén, rematar coa precariedade, os baixos salarios e distribuír o traballo dependen da mobilización da clase traballadora, da fortaleza e iniciativa sindical e da existencia de fortes partidos políticos que teñan estes obxectivos como centrais. Como a loita de clases non está superada, todo é unha cuestión de correlación de forzas. Só por esta vía deixaremos atrás a crise. Porque no fundo, trátase dunha distribución xusta e solidaria da riqueza e do poder.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS