Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

De súpeto todo mudou... Ou non tanto?

MANUEL MERA  | 20.05.2019 
A- A+

Os resultados das eleccións xerais estaban cantados, agás para aqueles dirixentes que axustan a realidade e o estado de animo da xente ao seu proxecto político-ideolóxico, ao que lles agrada. Isto foi o que lle aconteceu a Pablo Casado e á súa equipa, que mesmo se viron gañadores e como a parte máis importante do bloque da dereita até o último momento. Pedro Sánchez máis achegado aos graves atrancos que padece a maioría social, ou mellor asesorado, aproveitou o momento para auspiciar os “venres sociais” tomando medidas que beneficiaban a varios colectivos, aínda que ningunha delas afecta ao sistema (por casualidade?). Son cambios positivos respecto das políticas de Rajoy, e ademais os partidos da dereita convertéronos nunha revolución coas súas criticas desmesuradas. Resultado: o PSOE gañou, e a dereita partida en tres anacos ficou disputando os restos. E agora ben unha segunda volta, na que todo indica que estas tendencias vanse a fortalecer.

Estas eleccións tamén constataron que a chamada “nova esquerda” está en retroceso, e que esta tendencia regresiva non se evitará só coa capacidade dialéctica de Pablo Iglesias. Máxime, cando en moito pouco tempo pasou de condenar o réxime do 78 a utilizar a Constitución como muro fronte a estrema dereita, avalando as políticas dos partidos sistémicos, e devecendo por unha alianza de goberno co PSOE. A falta de proxecto e folla de ruta resulta evidente, así como o tacticismo, especialmente cando se prometían cambios revolucionarios (pola vía institucional) a través do voto e das redes sociais. As preguntas son: terminará sendo só unha muleta do PSOE? Fracturarase nunha morea de partidos sen máis transcendencia que a local? Xurdira unha nova alternativa?

A outra lección que deixan estas eleccións é o avance dos partidos soberanista en Cataluña e Euskadi, e sobre todo o fortalecemento daquelas posturas mais á esquerda, como é o caso de ERC e Bildu; tamén o BNG dobra votos na Galiza. Ou sexa, malia o avance do centralismo españolista, e as campañas mediaticas contra Cataluña e as linguas das nacionalidades históricas, e o crecemento do PSOE, cun discurso de dialogo que non se concreta en ningún encontro ou avance respecto da cuestión nacional, o soberanismo mantense como outro dos polos de referencia.

Tampouco se pode obviar que estes cambios na correlación de forzas no ámbito político non son gratuítos, xa que responden a un aumento das contradicións no ámbito laboral e social, polo medre da precariedade, da desigualdade, dunha perspectiva que reflicten mais regresións no futuro. Ao que se suma o temor ao crecemento da estrema dereita e a posíbeis regresións en dereitos sociais e democráticos. Un feito que alentou unha actitude máis activa nas eleccións dos sectores do mundo do traballo e da mocidade, que normalmente se refuxian na abstención.

Con seguridade este estado de animo, que alentou a participación, manterase presente nas eleccións do vindeiro 26 de maio, mais non se pode considerar como un cambio de tendencia, non é un cheque en branco, e estará condicionado polas políticas que se desenvolvan dende o futuro Goberno. Ou sexa, dependerá de que se elimine a lexislación reaccionaria en materia laboral e das pensións, e que limita as protestas sociais, como a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal, aprobadas polos últimos gobernos do PP, porén tamén do PSOE. Estará disposto a meter man nestas cuestións Pedro Sánchez? Durante os últimos meses falou pouco delas, e na práctica caneou calquera decisión. A escusa era a falta de maioría no Parlamento, agora non poderá usar o mesmo argumento, xa que o bloque da dereita perdeu moito peso.

Evidentemente hai moitos outros temas pendentes, como dar un novo salto no salario mínimo, que os contratos temporais sexan excepcionais e cun custe superior aos fixos por hora traballada, terminar coas subvencións a costa dos ingresos da seguridade social a autónomos e empresarios, reducir o custe da enerxía a empresas electro-intensivas e ás familias, os falsos autónomos, as horas extras que non se pagan, a dependencia, a sanidade, a igualdade, etc. En calquera caso estes e outros avances sociais dependeran en boa medida da mobilización popular, como sempre sucedeu. Os cambios na correlación de forzas no ámbito institucional son importantes e necesarios, porén non se pode esquecer que os gobernos están sometidos á presión dos poderes económicos (a Bolsa vota todos os días), dos medios sistémicos, e outros poderes fácticos internis e internacionais. E o PSOE non é precisamente un partido revolucionario, nen sequera rupturista, como confirmaba Pedro Sánchez cando, unha vez coñecidos os resultados electorais, gababa á Unión Europea, a mesma que dá folgos á globalización neoliberal. Evitáronse os novos retrocesos anunciados pola dereita. Agora, para avanzar cuantitativa e cualitativamente, cómpre darlle participación e protagonismo que lle corresponde á maioría; ou sexa: á clase traballadora e outras camadas populares.

Manuel Mera

 

 

 

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS