Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 23:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Supremacismo lingüístico

JOAQUIM VENTURA  | 06.09.2019 
A- A+

Hai unha parte considerable da poboación española que non so está perfectamente instalada no seu monolingüismo (castelán obviamente, a única maneira normal de falar nesta vida segundo eles) senón que teñen auténtica fobia a calquera outra maneira de expresarse. Un monolingüismo militante que amais de sentirse satisfeito da ignorancia de coñecer outras linguas, especialmente as outras españolas, rexeita que os falantes destas as empreguen decote. Velaí as protestas porque o novo presidente da Cámara de Comercio de Barcelona empregue unicamente o catalán nas roldas de prensa.

Unha actitude refractaria que xa colleu forza en 1981 co “Manifesto dos 2.300”, asinado por intelectuais e profesionais de expresión castelá residentes en Cataluña, no que advertían contra a inmersión lingüística na escola e a suposta vontade do nacionalismo de facer do catalán a única lingua oficial. Contra tal risco defendían a liberdade dos pais para elixir a lingua vehicular (catalán ou castelán) na educación escolar de cadanseus fillos.

Argumento falso xa de entrada porque consideraban que non había máis linguas maternas ou familiares que o catalán ou o castelán, ignorando que –daquela polo menos- aínda había moitas familias catalás cuxa lingua familiar era a galega, por exemplo.

Derrotado este argumentario polos feitos –comezando pola aceptación social maioritaria da inmersión lingüística escolar- quince anos despois apareceu o Foro Babel, en defensa do bilingüismo en Cataluña, entre cuxos membros había intelectuais de orixe catalá antinacionalistas. Estes sectores recalcitrantes á normalización (protexida, obviamente) do catalán como lingua propia do país volveron á carga coa fundación do partido Ciutadans (xa con Albert Rivera á cabeza) en 2006. Dous anos despois, e xa cunha dimensión estatal, apareceu o “Manifiesto por la lengua común”, chamada a defender o castelán como lingua en perigo.

Agora, e malia a reorientación experimentada nos últimos meses, a entidade Societat Civil Catalana ven de organizar unha “Jornada sobre convivencia lingüística en Cataluña”. A web de SCC anuncia o acto en castelán e en catalán polo cal é difícil saber que intervencións serán nunha lingua ou noutra aínda que á vista dos participantes, pouca marxe queda ao que non sexa “bilingüismo”, expresión que no fondo agocha o dereito que asiste (pensan) aos falantes da lingua forte (o castelán)  para non empregar a lingua feble (o catalán neste caso) no territorio onde esta é falada malia o que sostén a constitución de 1978 sobre aquilo da especial protección, etc. Pero, ao cabo, SCC é unha entidade privada e, polo tanto, libre de facer o que queira: o problema está en que o acto ten a protección de Irene Lozano, a política viraventos que pasou de UPyD ao PSOE e que agora é secretaria de Estado da España Global.  

Pero se con iso non había bastante, agora a Junta de Andalucía cedeu á presión de Vox e ven de aprobar unha subvención de cen mil euros para que sociedades culturais andaluzas en “zonas con problemas de inmersión lingüística” eviten que os andaluces que viven nelas non perdan o seu patrimonio lingüístico. Así o anunciou o conselleiro de Presidencia, Elías Bendodo.

Ante un feito así, un non sabe se é peor a manipulación ou a ignorancia (á mantenta, obviamente). Manipulación porque se algunha lingua está en perigo neses territorios é a propia (como sería o caso galego pero en Galiza non hai nin inmersión –a Xunta non pasa dunha defensa morna da lingua do país- nin tampouco inmigración andaluza). Ao cabo, o catalán-valenciano e mais o éuscaro son linguas oficiais nos respectivos territorios  e a escola é o ámbito ideal para que os nenos e as nenas que teñen unha fala familiar distinta a esas linguas (non so o castelán: en Cataluña cóntanse medio millón de cidadáns que teñen por habitual unha lingua distinta, dez por riba dos trinta mil falantes) teñan acceso a aprender o catalán (e o castelán) con certas garantías, entre elas as aulas de acollida. Aprendizaxe fundamental para que funcione o ascensor social.  

Pero hai ignorancia por parte das autoridades andaluzas (PP-Cs) porque todos os estudos confirman (Axencia EFE, 22/02/2018) que os estudantes cataláns son os que mellor competencia teñen en lingua castelá entre os das comunidades con dúas linguas oficiais. E aínda máis ignorancia porque a inmersión lingüística no sistema escolar non foi unha imposición do pujolismo senón unha reivindicación feita por sectores maioritariamente castelano-falantes e aplicada en dezanove escolas públicas de Santa Coloma de Gramenet no curso 1983-1984.

En resposta ás pretensións do goberno andaluz, o presidente da FECAC, Daniel Salinero, manifestou que “non é necesario” impartir clases de reforzo de castelán aos andaluces (e descendentes) que residen en Cataluña.  

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS