Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Martes 22.05.2012  | Actualizado 12.06

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

secretario xeral da CIG

Suso Seixo: "Este escenario vainos levar a retroceder cincuenta anos nas nosas condicións laborais"

25.01.2011  A dous días da folga xeral convocada pola central sindical nacionalista, advirte que non secundar o paro significará "colaborar co Goberno para que se precaricen e recorten os dereitos". Acusa a CCOO de ter un papel "moi activo" contra a cita do xoves e a UXT de só xerar "frustración" nos traballadores

5.0/5 [17 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

ROSABEL CANDAL . SANTIAGO

Suso Seixo, secretario xeral da CIG, diante dun mapa de Galicia, no local nacional da central sindical FOTO: lavandeira jr/efe
Suso Seixo, secretario xeral da CIG, diante dun mapa de Galicia, no local nacional da central sindical
FOTO: lavandeira jr/efe

No medio dunha semana decisiva, xa que este próximo venres o Executivo central aprobará, haxa ou non acordo cos axentes negociadores, a reforma laboral que inclúe o alongamento da idade de xubilación ós 67 anos e a modificación do sistema público de pensións, a CIG afronta unha das súas accións máis importantes nos últimos tempos. A central sindical nacionalista convoca, baixo o lema de En defensa das pensións e do emprego, unha xornada de folga xeral o xoves en toda Galicia. Para ese día 27 de xaneiro xa hai previstas trece manifestacións en todas as grandes cidades e maiores vilas da comunidade, igual que pasará en Cataluña, País Vasco e Navarra. Despois de que CCOO e UXT rexeitasen participar no paro e apostasen por esgotar as vías de diálogo co Goberno ata finais de semana, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explica por qué é necesaria esta convocatoria.

A dous días da folga xeral, que expectativas teñen?

Se nos fiamos da receptividade que está tendo a nosa campaña nos centros de traballo, as expectativas son boas, pero hai que agardar ó día 27 para ver se iso se concreta en paro ou non. En principio, é evidente que os traballadores entenden perfectamente o motivo da nosa convocatoria, son plenamente conscientes de que hai razóns para facer algo destas características, porque as medidas e os recortes son moi duros, pero agora falta dar o paso a ese día parar e participar nas manifestacións. Veremos qué pasa.

Calculan algún tipo de porcentaxe de seguImento?

Non, é a primeira vez que afrontamos algo así e non hai precedentes que poidamos extrapolar para sacar unha conclusión, hai que agardar.

Nas convocatorias deste tipo ó día seguinte sempre se fala de éxito ou non. Que sería para vostedes un fracaso?

Medir os éxitos ou fracasos dun día para outro é moi difícil. Ante unha situación como a que estamos, de crise, de recorte de dereitos moi importantes á clase traballadora, se cadra temos que darnos un tempo para ver o éxito ou o fracaso das mobilizacións. Isto é unha reforma que vai ir aínda a debate no Congreso dos Deputados, aínda non está aprobada e haberá que ver en qué medida as protestas inflúen, qué nivel de sensibilidade hai nos grupos parlamentarios e qué pasa unha vez que iso se tramite por parte do Goberno como proxecto de lei. O Goberno non ten maioría absoluta para sacar isto adiante e haberá que ver o día 28, finalmente, qué é o que saca unha vez que haxa estas mobilizacións. Despois, poderemos concluír en qué medida as convocatorias foron un éxito ou un fracaso.

Esquerda Unida xa dixo que apoiará a convocatoria, tamén o BNG, Causa Galiza, o Sindicato de Xornalistas e moitos outros colectivos...

En xeral, todas as organizacións do campo do nacionalismo de tipo político ou social están apoiando e a maiores tamén outras que malia non ser nacionalistas se moven dentro dos parámetros da esquerda e das políticas progresistas. Nese sentido, creo que o apoio da base social organizada é amplo, fóra do que son as dúas centrais sindicais estatais, CCOO e UXT, que non só non apoian, senón que no caso de Comisións están sendo personaxes moi activos en contra da propia convocatoria. Isto é algo que xa os caracteriza e xa o vivimos en propias carnes noutros procesos anteriores como foi a folga xeral do 2001 que convocabamos CIG e UXT e eles non só non se sumaron senón que foron elementos moi activos en contra. Agora están a facer ese mesmo traballo.

Ráchase a unidade sindical en Galicia ou xa nunca houbo moita?

Nos últimos anos non houbo moita. CCOO e UXT están nunha política sindical que nós non compartimos para nada. Eles collen a política de diálogo e pacto social como un obxectivo en si mesmo sen pararse a analizar as consecuencias que están tendo para a clase traballadora ese tipo de condutas que desde o noso punto de vista o que están é xerando desmobilización e frustración. O que se saca desas mesas de negociacións é moi pouca cousa ou nada ou incluso nalgún momento son medidas regresivas e polo tanto nós con ese tipo de formulamentos non coincidimos e é imposible que se dea a unidade sindical. Parécenos que o momento actual de crise económica e as políticas de recortes tan duros de dereitos e de condicións de vida e laborais debía de dar pé a que houbese esa unidade sindical e a que por parte destas dúas centrais sindicias se reformulen o equivocado do seu modelo, pero a práctica demostra que iso non é así. Chegan a pactos e acordos coa Xunta de Galiza que non se materializan despois na práctica en nada, co cal o que fan é facerlle o xogo abertamente á dereita e á patronal, responsables en gran medida de toda esta crise económica que temos. No eido do Estado, en lugar de estar claramente promovendo mobilizacións seguen transmitindo a idea de que a través desa política de pacto social van poder tirar abaixo estas reformas e conseguir certo tipo de medidas. Logo, é imposible, así non imos coincidir nunca porque nós non estamos por esa vía que nos parece profundamente equivocada e prexudicial para os intereses da clase traballadora.

Por que cre que están a actuar así CCOO e UXT?

Non o sei. É unha estratexia sindical que seguen desde hai varios anos. Parécelles que é o correcto e a min paréceme que estas centrais sindicais en gran parte hai tempo que teñen abandonado o da loita de clases, pensan que iso é o mellor dos mundos posibles e que desde esa postura de colaboración co poder se pode avanzar algo. A experiencia demostra que non é así. É máis, a experiencia demostra que moitos dos acordos ós que chegan, mesmo coa patronal no ámbito desas reunións estatais de negociación colectiva, despois se incumpren descaradamente e aquí non pasa nada. Iso demostra que esa política de pacto social ten moi pouco de diálogo e moito de imposición por parte do poder económico e político e de simple seguimento por parte de CCOO e de UXT. Eles saberán as razóns que os levan a iso, se son só de carácter ideolóxico ou hai outras, eu non sei qué tipo de ataduras poden ter.

Será esta unha folga contra as reformas do Goberno central. Por que son tan daniñas para os galegos?

Porque quen provocou a crise económica, que é o capital financeiro, pretende saír dela a conta de reducir condicións e de precarizar o mercado de traballo, de reducir salarios e de debilitar aínda máis o Estado facéndose con todos aqueles sectores públicos onde se moven importantes recursos. Non hai máis que ver a privatización que se están dando en certas empresas públicas, como é o caso de Aena ou de Loterías do Estado, a privatización tamén de determinados servizos públicos, o intento a través desta reforma das pensións de potenciar os sistemas privados para que a banca se faga cunha parte moi importante de recursos que tiñan que ir ás pensións públicas... Estase a fomentar un modelo no que se pretende que a crise a paguemos a clase traballadora e que saímos cunha serie de políticas estruturais que favorezan cara ó futuro o negocio e o incremento dos beneficios da oligarquía financeira e dos especuladores. Estámonos situando nun escenario cara ó futuro enormemente negativo, que nos vai levar a atrasar as nosas condicióins laborais e sociais se cadra 40 ou 50 anos. Iso é motivo suficiente como para facer mobilización e para que haxa contestación social e chegado tamén o momento do voto, como para que os traballadores lle deamos todo o valor que ten e non metamos o voto en mans daquelas forzas políticas que o que fan é despois utilizalo en contra dos nosos intereses.

Unha folga contra a política estatal, pero supoño que a Xunta tamén terá algo que dicir nesta situación de crise...

A Xunta o que está a facer é, pola vía da calada, tamén políticas neoliberais e despois culpar de todo ó goberno central como se eles non tiveran competencias ningunhas. Na tesitura que está hoxe o PP, case que o único que lles faltaría é propor xa a disolución do Parlamento galego e da propia Xunta, porque non están facendo absolutamente nada para combater a crise económica e para promover políticas aquí que nos permitan ter unha perspectiva económica e laboral de futuro diferente. O señor Feijóo está nunha postura moi cómoda. Quen lle está facendo as políticas de dereitas é o PSOE a nivel de Estado e o PP aquí o que fai é deixarse levar e culpabilizar a todo o Goberno central e sacar o maior rédito posible de cara ó futuro. Paréceme unha actitude lamentable e propia dun goberno de dereitas e neoliberal e enormemente daniña para os intereses de Galiza.

Que lle parece o debate xerado nos últimos tempos ó respecto de se habería que recortar o Estado autonómico para saír mellor da crise?

É un debate moi manipulado. A crise económica non ven motivada polo modelo autonómico nin polo desbaldimento nin polo enorme gasto que provocan as CCAA. É máis, se analizamos os datos vemos que fundamentalmente o déficit público se ten incrementado de forma significativa no ámbito do Estado, non das CCAA. O problema non ten nada que ver coa estrutura do Estado nese sentido. Todo o contrario. Se a estrutura do Estado fose máis favorable, no sentido de que Galiza tivese máis soberanía política, estariamos en mellores condicións para poder afrontar esta crise polo menos presentando alternativas en aspectos básicos como todo o que ten que ver coas políticas financeiras, políticas fiscais e laborais. É un debate totalmente interesado por parte da dereita e dos sectores máis centralistas e reaccionarios do PSOE, no que só lles interesa todo o que supoña atacar a un Estado como este e favorecer unha maior recentralización. Aquí non se camiña cara a un Estado onde se recoñeza o carácter plurinacional que hoxe existe e polo tanto o dereito democrático de autodeterminación ás nacións e máis soberanía política para funcionar, todo o contrario, estase con este tipo de debate para ir a unha maior recentralización, incluso para recuperar competencias que hoxe hai transferidas ás CCAA. É un debate que non ten nada que ver coa crise económica e é un debate totalmente interesado por parte do españolismo.

Que lles diría ós que estean dubidosos de se secundar o paro o xoves ou non?

Que as dúbidas van en contra nosa. O Goberno non ten dúbida nin-gunha do que ten que facer e se nós estamos dubidosos e non respondemos a estas agresións, o que estaremos é, querendo ou non, colaborando para que o Goberno termine recortándonos dereitos e precarizando as nosas condicións laborais e socias de futuro.

AS FRASES

"Comisións e UXT chegan a pactos coa Xunta que non materializan na práctica en nada, co cal lle fan o xogo abertamente á dereita e á patronal, responsables en gran medida de toda esta crise económica. Así, non imos coincidir nunca porque nós non estamos por esa vía profundamente equivocada e prexudicial para os intereses da clase traballadora"

"O PPdeG, case que o único que lles faltaría é propor xa a disolución do Parlamento galego e da propia Xunta, porque non están facendo absolutamente nada para combater a crise económica e para promover políticas aquí que nos permitan ter unha perspectiva económica e laboral de futuro diferente. O señor Feijóo está nunha postura moi cómoda"

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS