Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Domingo 21.12.2014  | Actualizado 11.30

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS
  • Imprimir
  • Enviar por correo

NOTICIAS COTIÁS

Tardes de cine

RUTH FERNÁNDEZ  | 06.10.2011 
A- A+

Ante a inminente chegada dunhas festas patronais con escaso interese musical, dedícome ao cine nas sesións de tarde. Vexo este ano o programa de San Froilán máis pobre da historia recente, aínda que tampouco podo deixar de dicir que nos últimos dous ou tres anos notouse un declive importante nunhas festas que sempre gozaban dun programa moi atractivo. Este ano, coa crise que vivimos, semella que o programa non podía ser peor, e dígoo sen desprestixiar aos artistas que se inclúen no cartel. Pero o certo é que non vexo ningún prato forte nese menú programado durante os pasados meses. Non só se trata da crise, malia figurar dúas páxinas en branco como reivindicación á falta de axuda económica por parte do goberno de Feijoo para afrontar os festexos patronais de Lugo.

Mentres no verán se falaba, facendo cábalas, de actuacións diversas e de grande altura, entre as que mesmo figuraba o meu ídolo, hoxe temos un programa cheo de grupos locais, pero sen actuacións estelares. Se esquecemos os nomes de Luz Casal (para os seus seguidores), X. M. Budiño e Vetusta Morla, todo o demais é "made in casa" (e dígoo sen minusvaloralo). Teremos, iso si, á eurovisiva Lucía Pérez, para poñer case o peche a unha semana de actuacións que nada teñen que ver co que vimos no San Froilán de anos anteriores.

No cine tiven algo máis de sorte. Desfrutei recentemente da película en 3D titulada "Noche de miedo", un ‘remake’ dun famoso filme de vampiros dos anos 80. Jerry (Colin Farell) é o veciño estraño, ese ser que parece fantástico a primeira vista, pero que axiña amosa a súa verdadeira cara: a dun depredador que deixa escenas de sangue que fan do filme algo moi distinto ao que vemos noutras películas de xénero vampírico, como as da saga Crepúsculo, máis edulcoradas, pero que ansiamos volver a desfrutar na pantalla grande. Estamos á espera de que no mes de novembro chegue a primeira adaptación de Amanecer.

Tamén pasei unha tarde moi agradable coa comedia española "Lo contrario al amor", protagonizada por Hugo Silva e Adriana Ugarte, na que vemos como pode complicar unha relación de parella o feito de intentar cambiar e mesmo controlar ao outro. Hai unha mensaxe moi significativa no filme dirixido por Vicente Villanueva e protagonizado polos bombeiros "cañón" H. Silva, Rubén Sanz e Alex Barahona. Nun momento da película Raúl (Hugo Silva) di: "Cuanta más libertad me des, más me acerco a ti. Cuanto más quieres controlarme, más me alejo". A pura realidade.

Estes días de San Froilán tamén serán tardes de cine, polo carácter especial que adquire a urbe romana no mes de outubro. Do 4 ao 12 deste mes Lugo convérsese no escenario de grandes momentos por vivir, como nun filme cargado de secuencias imborrables. O programa non é tan bo como en edicións pasadas, pero o que non faltarán son o espírito festivo e o polbo, xa que se calcula que se consumirán entre 200 e 250 toneladas do cefalópodo. Estades convidados!

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS