Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

sindicalista e experta en Estudos de Xénero

Tareixa Ledo Regal: "Nin socialmente nin no eido feminista se coñece aínda, como se merece, a valía das labregas"

"Lidia Senra Rodríguez. A historia dun liderado entrañable" é o título do libro que mañá se presenta en Compostela. A obra editada por Laiovento repasa a historia das loitas agrarias e o papel das mulleres nelas a través da figura da que foi secretaria xeral do SLG de 1989 a 2007

ROSABEL CANDAL . SANTIAGO   | 17.12.2010 
A- A+

AXENCIAS
Tareixa Ledo Regal
FOTO: AXENCIAS

O Auditorio de Galicia, en Compostela, acollerá mañá, ás 12.00 horas, a presentación do libro Lidia Senra. Historia dun liderado entrañable, escrito por Tareixa Ledo Regal e editado por Laiovento. A obra fai un repaso da loita das labregas galegas ó longo dos tempos, explica como son os chamados liderados entrañables e céntrase na figura da que foi secretaria xeral do SLG durante 18 anos, aínda hoxe a única muller que ocupou a máxima responsabilidade nunha organización agraria no Estado español tantísimo tempo e unha das poucas de toda a Unión Europea. Tareixa Ledo (Chantada, 1961), licenciada en Ciencias Sociais e Políticas e máster en Estudos de Xénero, traballa no propio Sindicato Labrego Galego e coñece ben a historia das mulleres agrarias, -non só a nivel galego senón tamén internacional-, e a historia de Senra, da que destaca a súa maneira de traballo horizontal e diálogo.

 

Como xurdiu este libro?

A motivación inmediata foi unha tese de Maxister en Estudos de Xénero, na Universidade de Vigo. Busquei un tema que aglutinara todas as miñas inquietudes e veu a idea de facer un traballo en relación con Lidia. Coñézoa desde os anos 80, xa que eu tamén vivín en Lugo e colaboraba co sindicato xa daquela, e agora traballamos na mesma secretaría. Tenme chamado a atención o seu estilo de facer organización. Interesábame moito estudar o seu percorrido desde a perspectiva dos liderados de mulleres. Despois de presentalo na universidade, a titora e o equipo avaliador animáronme a publicalo, falei con persoas do sindicato e pareceulles interesante. Nun primeiro momento pensamos na editorial Fouce, pero logo Laiovento soubo do proxecto e aquí está o resultado, un libro do que me sinto moi orgullosa.

 

No libro fálase de Lidia pero tamén do papel das labregas ó longo dos tempos. As mulleres pasaron de ser invisibles a protagonistas neste campo...

O interese de facer este libro en relación co percorrido vital de Lidia é difundir unha figura á que non se lle está dando aínda a consideración que merece e creo que futuras investigacións van abrir por aí un campo interesante. Pero o libro non queda en Lidia, vai encamiñado a visibilizar o mundo e as experiencias das mulleres labregas para poder valoralo. Tanto socialmente como dentro do movemento feminista aínda non coñecemos nin nos percatamos da valía, achega e significado de todo o que están facendo as labregas. O libro recolle todas as loitas de mulleres labregas de comezos do século XX e é interesante que non esqueza o nome delas. Tamén hai parte dun capítulo que remira as loitas agrarias dos primeiros anos da democracia en Galicia e o papel que nelas tiveron as labregas. Moitas veces falamos da loita de Baldaio, da loita contra a central nuclear de Xove, da loita das Encrobas, pero a penas coñecemos que labregas había, nin sequera que as había e que nalgún momento foron especialmente significativas e decisivas. É importante para nós, mulleres de hoxe, darnos conta de que tivemos unhas antecesoras valiosas, loitadoras, con certo liderado na época na que vivían.

 

Por que todas esas mulleres non están recoñecidas cando é unha obviedade o papel que ocuparon e ocupan...

Por mulleres, por labregas e por galegas estamos vivindo unha tripla invisibilización. O discurso sexista, patriarcal, infravalora a pegada de calquera muller na realidade e na historia e iso sófreno as labregas por mulleres. Despois está todo ese discurso neoliberal da modernización, onde a categoría labrego-labrega non ten ningún valor. E a invisibilización tamén vén polo feito de ser galegas xa que aínda perdura o discurso de Galiza como territorio periférico que non ten riquezas nin recursos nin potencialidade. Eses tres grandes factores de base fan que as mulleres labregas galegas sexan un colectivo moi descoñecido, esquecido, ignorado. A finalidade do libro é dar a coñecer todo isto para nós mesmas decatarnos de cánto lle estamos achegando á evolución da sociedade.

 

Dentro de todo ese contexto, Lidia é unha muller destacada. Enmárcala dentro dos liderados entrañables...

"Liderado entrañable" é unha terminoloxía de Marcela Lagarde, deputada en México e unha das teóricas feministas máis importantes de hoxe. Ela apunta esta nova fórmula, que están inaugurando millóns de mulleres no mundo, que destaca polas súas connotacións fronte a liderados máis entendidos desde concepcións patriarcais, principalmente de homes que exercen un control ou poder ou que están como guías dunha organización ou movemento ou partido. Fronte a iso, Marcela presenta toda unha teorización a partir do seu coñecemento e experiencia, de mulleres cun liderado que apunta cara á horizontalidade, o consenso, o diálogo, no que a persoa que lidera vive iso que fala, cre iso que vive, non hai esa escisión entre o que digo e o que fago que si hai moitas veces nos masculinos. É unha concepción do poder diferente, o "poder con", "para", en vez do "poder sobre". É unha maneira nova de construír as organizacións, moi interesante, algo que precisamos as organizacións alternativas para construír desde outros lugares. Lidia encarna este novo paradigma, esta nova maneira de liderar desde o diálogo, desde o feminino. Ela mesma di que empezou traballando en espazos de homes e pouco a pouco foi buscando a maneira de facer o que facía pero como muller, desde o seu ser de muller, un reto que temos todas onde nos toca traballar e vivir. Lidia foi pioneira en moitos deses espazos en Galiza.

 

A historia do sindicato non se entende sen Lidia...

A historia do sindicato é colectiva, pero nun momento Lidia foi un personaxe aglutinador dun proxecto novo. Desde aquela, a pegada dela foi de tal calibre e calidade que impregnou moito a andadura do sindicato. Hoxe, o SLG é paritario e posiblemente non se tería empezado a traballar niso se ela non fora a secretaria xeral. Ela tivo e segue a ter un peso importante dentro de organización. É unha muller cunha grande autoridade, pero desas que se van gañando pouco a pouco, co traballo diario, ó longo de moitos anos, grazas á súa autenticidade, ó seu contacto coa xente, nas aldeas, nas asembleas, noite, día, en moitas mobilizacións, manifestacións..., aí foi gañando todo ese estilo que agora se lle recoñece, como fan moitas das persoas que falan dela no do libro.

 

Efectivamente, no libro inclúense vinte olladas de xente que fala sobre Lidia. Hai textos de, por exemplo, Xosé Manuel Beiras, Ana Luísa Bouza, Lupe Ces, Uxía Senlle, Teresa Moure, Nanina Santos, Manuel Vázquez Rivas, etc. Como foi a selección?

Non sei se fixen a selección máis axeitada, fun vendo no mundo da cultura e da política persoas que puideran coñecela por diversas razóns e que a quixeran ben. Tamén me pareceu que tiña que haber labregos e afiliados que traballaron con ela no sindicato, ben en órganos de dirección ou en mobilizacións desde as comarcas e tamén incluín algúns, quería resaltar os mellores aspectos de Lidia.

 

Con este libro poderase conseguir que moitas mulleres e homes vexan isto como exemplo para cambiar o mundo?

Teño a ilusión de que moitas labregas que traballan se vexan reflectidas no libro e se sintan impulsadas. Tamén de que outras mulleres se sintan medradas ó coñecer a vida da compañeira Lidia. E tamén teño moitas ganas de que moitos homes teñan de referente a Lidia e esa nova forma de liderar, que teñan un espello para esas novas masculinidades, que vaian facendo camiño. Lidia pode ser un modelo atractivo para homes e mulleres, para labregos e para calquera persoa da sociedade galega e de fóra. En efecto, é un referente importante europeo e internacional nas organizacións campesiñas. Oxalá que este libro sirva para todo isto. Ademais, é importante que empece a haber discursos que recollan a historia de Galiza desde a visión dos labregos e labregas. Este libro tamén é algo diso.

O PERFIL BIOGRÁFICO

1958. O 14 de xuño de 1958 nace María Lidia Senra Rodríguez na Pobra de Broullón. Ó pouco, a familia deixa a parroquia materna de Cereixa para asentarse en Chavaga (Monforte de Lemos).

1976. Toma contacto co nacionalismo popular e comeza a súa actividade sindical nos Comités de Apoio á Loita Labrega (CALL), tamén contacta coas Comisións Labregas -organizadas na clandestinidade desde o ano 1973-.

1977. Comeza a colaborar coas Comisións Labregas-Sindicato Labrego Galego (CCLL-SLG), organizando a-sembleas contra a Cota Empresarial Agraria. É nomeada responsable das CCLL na comarca do Val de Lemos.

1979. Participa no I Congreso das CCLL, celebrado en Sigüeiro o 29 de abril baixo o lema "Pola autoorganización dos labregos galegos. Pola reforma agraria galega".

1980. Trasládase a Lugo.

1984. É elixida responsable de Organización e Finanzas no II Congreso das CCLL, celebrado no Mercado de Gando de Compostela, o 22 de xaneiro, co lema "Con máis forza".

1989. É elixida secretaria portavoz da organización no III Congreso do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), que se celebra en Lugo o 16 de abril baixo o lema "O futuro, campo común".

1990. Promove a creación da Secretaría das Mulleres no SLG-CCLL.

1994. Celébrase o IV Congreso do SLG-CCLL baixo o lema "Labrando o futuro". Lidia Senra é elixida para a Executiva da Coordinadora Labrega Europea (CPE) e ademais representa a Coordinadora na Unión Europea.

1998. O 19 de decembro celébrase en Compostela o V Congreso do SLG-CCLL baixo o lema "Cos pés na terra", onde é reelixida líder.

2000. É elixida para formar parte do Consello da CPE. En representación de Vía Campesiña participa no Foro sobre "Seguridade Alimentaria e explotación agraria familiar", organizado en Roma pola ONU para a FAO.

2002. Participa como conferenciante e activista no I Foro Social Europeo de Florencia.

2003. Participa como conferenciante e activista no II Foro Social Europeo celebrado en París. Tamén é ree-lixida secretaria xeral do SLG no VI Congreso do sindicato, baixo o lema "O futuro nas nosas mans".

2004. Participa no III Foro Social Europeo celebrado en Londres. É elixida para a Comisión de Xénero de Vía Campesina en representación de Europa (São Paulo-Brasil).

2007. Deixa o seu cargo de secretaria xeral do SLG no VII Congreso. No seu lugar é elixida Carme Freire Cruces. Desde aquela, é responsable da Secretaría de Organización e Finanzas do SLG e pertence á súa Executiva Nacional. Segue a ser co-titular dunha explotación de horta e mel co seu compañeiro Miguel Méndez. Utilizan o modo labrego de produción e promoven a venda en mercados locais. Viven en Merín (Vedra) co seu fillo e as súas dúas fillas.

AS FRASES

Tareixa Ledo Regal

"Lidia é unha muller cunha grande autoridade que foi gañando pouco a pouco, co traballo diario, grazas á súa autenticidade, ó seu traballo, ó contacto coa xente, nas aldeas, asembleas, noite, día, nas mobilizacións"

"Ela mesma di que empezou traballando sobre todo en espazos de homes e foi buscando a maneira de facer o que facía pero desde o seu ser de muller, un reto que temos todas. Lidia foi pioneira niso en Galiza"

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS