Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 21:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A taxa anual do IPC en Galicia situouse no 2,2 por cento en agosto

VIGO. EP  | 12.09.2018 
A- A+

A taxa anual do IPC en Galicia situouse en agosto no 2,2 por cento (unha décima menos que en xullo), e é idéntica á taxa interanual media de España, segundo os datos feitos públicos este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

No informe do INE reflíctese en España a menor subida dos prezos dos carburantes, dos servizos de aloxamento e dos paquetes turísticos respecto ao mesmo mes de 2017 e a baixada do prezo dos automóbiles. En sentido contrario, subiron os prezos da electricidade e as froitas recortaron os seus prezos menos do que o fixeron en agosto do ano pasado.

No caso de Galicia, os prezos que rexistran maiores subidas no que vai de ano son os de hoteis, cafés e restaurantes (un 4 por cento) e comunicacións (un 3 por cento). No entanto, tendo en conta os datos interanuais, os maiores incrementos de prezos reflíctense no transporte (5,1 por cento) e vivenda (4,8 por cento).

Por contra, no que vai de ano, descenderon de forma notable os prezos de vestido e calzado, un 16,9 por cento. No cómputo interanual, apenas se reflicten descensos de prezos, salvo leves caídas en lecer e cultura, e enxoval.

DATOS DE ESPAÑA
A taxa interanual de agosto en España é a vixésimo cuarta taxa positiva que encadea o IPC interanual e implica que os prezos son hoxe uns 2,2% superiores aos de hai un ano.

A inflación subxacente, que non inclúe os prezos dos produtos enerxéticos nin dos alimentos non elaborados, baixou unha décima en agosto, até o 0,8%, co que se sitúa case 1,5 puntos por baixo do IPC xeral.

Segundo o INE, entre os grupos que tiveron unha maior influencia negativa na taxa interanual atópanse o transporte, que reduciu sete décimas a súa taxa anual, até o 5,2%, pola menor subida dos prezos dos carburantes respecto de agosto de 2017 e o abaratamento dos automóbiles; o lecer e a cultura, que recortou a súa taxa anual cinco décimas, até o -1,1%, debido a que os prezos dos paquetes turísticos subiron menos que o ano pasado; e hoteis, cafés e restaurantes, que presentaron unha taxa anual do 1,8%, dúas décimas menos que en xullo, xa que os servizos de aloxamento elevaron os seus prezos menos do que o fixeron un ano antes.

Por contra, os grupos que tiveron unha maior repercusión positiva na taxa anual de agosto foron a vivenda e os alimentos: a primeira incrementou sete décimas a súa taxa interanual, até o 4,3%, polo encarecemento da electricidade, mentres que os alimentos elevaron dúas décimas a súa taxa, até o 2%.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS