Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 23.04.2018 Actualizado 13:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Tempos revolucionarios

MANUEL MERA  | 14.12.2017 
A- A+

Hai corenta e cinco anos, nacía ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos). Unha organización nacionalista que, durante toda unha década, acadou unha gran implantación na Universidade e no Ensino Secundario do país. Foi a predecesora do que logo foron os CAF e os CAE. ERGA tiña como obxectivo ser o xermolo dunha organización de masas, dun sindicato de estudantes. Considerábase que o estudantado constituía un grupo social con reivindicacións propias: un ensino nacional, popular e científico.

No seu programa, ERGA definíase como integrante do movemento nacional-popular galego. Caracterizaba a Galiza como unha colonia do Estado Español, e propuña como alternativa a liberación nacional e social. Esta proposta levou a que algúns partidos políticos a acusasen de “terceiromundista”. ERGA non propuña para aquela etapa o socialismo, xa que as características económicas e sociais do país, cunha forte base agraria precapitalista, aconsellaban un período previo de economía mixta, de desenvolvemento cooperativo e de nacionalización dos sectores estratéxicos. Ou sexa, unha etapa democrática popular. Este proxecto económico e social, así como a organización das clases populares en todos os ámbitos non era ningunha novidade, senón algo propio das nacións dependentes. En períodos de ditadura ou ocupación militar, o partido revolucionario na clandestinidade, debía organizar para alén da súa militancia, estruturas con simpatizantes. “Tendencias” que fosen a base de futuros sindicatos e asociacións, unha vez conquistados espazos de liberdade que permitisen a súa existencia fóra da clandestinidade. Así era como se organizaban os partidos revolucionarios de masas, na loita contra a ditadura militar, por exemplo na Arxentina. ERGA primeiro, e a Fronte Obreira pouco despois, recrearon esta praxe no noso país.

A miña relación directa con ERGA, estivo motivada pola decisión da UPG de que organizase en Santiago de Compostela o estudantado universitario, aproveitando a miña experiencia no movemento estudantil en Bos Aires. Fun delegado na escola secundaria e logo na Universidade. Retornara da Arxentina no mes de novembro de 1972, alentado polas folgas xerais de Ferrol e fundamentalmente de Vigo. Organizar o estudantado foi unha idea que non me gustou mais aceptei. O meu desexo era adicarme a organizar o movemento obreiro. Ademais, deixara de estudar a finais de 1971. Cando cheguei a Compostela comecei a traballar na construción, primeiro como peón e logo como electricista (tituleime como técnico electromecánico na Arxentina).

En Santiago coñecín a un fato de estudantes (vencellados á UPG), e outros da comarca de Ferrol que tiñan relación con Xosé Paz (un retornado do Brasil, que tivera un importante papel político e sindical no movemento de esquerda de São Paulo). Con estes dous grupos, organizouse o primeiro núcleo de ERGA. Un día de decembro, en plenas vacacións estudantís, no Monte da Condesa puxémoslle nome a organización. Ao boletín chamámoslle Lume (por Lume Novo, unha asociación á que intentou dar vida Manuel Cordeiro coa mocidade galeguista na Arxentina, e na que participei nun inicio). Falamos no Monte da Condesa dos puntos mínimos e dos criterios organizativos que tiñan que ser celulares, clandestinos, tendo en conta a posíbel represión da ditadura franquista, dos métodos de traballo e das relacións con outras forzas. Despois viñeron as campañas, as reunións cos posíbeis simpatizantes, as células, a estrutura de dirección, etc.

Con esta proposta e deste xeito naceu ERGA. Porén, o que máis asombra a moitos/as é que se desenvolvese tan axiña. Ao meu entender houbo máis dun motivo, sendo o principal ter un programa que reflectira os anceios das camadas populares de Galiza (esa síntese entre nacionalismo e esquerda, propia de todo programa de liberación nacional nas colonias e países dependentes da época). Sen dúbida axudaba un contexto no que a loita contra o franquismo, e os desexos de democracia, estaban en auxe, tal como amosaron as folgas estudantís en Compostela no 68 e as grandes loitas obreiras, en Ferrol e Vigo no 72. Contribuíu tamén unha situación internacional na que a ilusión de grandes mudanzas sociais parecía que se ía atinxir en pouco tempo. Ademais, foi importante o elemento humano, a teima, a vontade de ducias de persoas. A composición de clase axudou o seu. Eran persoas que proviñan do rural ou dos barrios das cidades. Que accedían con moita dificultade á Universidade. E esta, era hostil á súa lingua cotiá, aos seus desexos de mellora social, de progreso. Tamén axudou, rachar coa monotonía dos métodos de loita da época da esquerda tradicional, mediante o “salto”, as barricadas (como na manifestación de Chema Fuentes, ese mesmo mes, que causou tanta expectación), a utilización masiva dos panfletos e das pintadas. Foi fundamental, levar a voz propia á base, rachando cos criterios que entendían a unidade como o secuestro do debate na base, dándolle forza ás asembleas, abrindo canles para a incorporación masiva do estudantado.

Recoñécese que ERGA foi unha organización que serviría de viveiro para dotar o nacionalismo galego con centos de cadros, e que sería unha contribución para deseñalo como proxecto, durante as décadas posteriores. O mérito está en todos aqueles que puxeron o seu esforzo, pequeno ou grande, durante anos, ligando militancia con actitude exemplar en todos os aspectos da vida (esa era a teoría que había que converter en práctica). Un esforzo que serviu para demostrar que Galiza, tamén no campo estudantil, podía e debía ter organizacións de seu. Medio ano despois, o partido encargaríame outra tarefa semellante, neste caso no movemento obreiro. A mediados de maio estaba a traballar na Bazán, na construción do buque Paloma del Mar. Mais, iso xa é outra historia.

Manuel Mera

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS