Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 13:50
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Tensión na Cámara con reproches cruzados entre PP e oposición nun debate sobre violencia de xénero

O PP tomba unha moción do PSOE sobre violencia económica ás mulleres que incluía o rexeitamento a pactar con partidos que neguen a violencia machista

SANTIAGO. EP  | 19.11.2019 
A- A+

Como xa ocorrera horas antes durante a comparecencia do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para informar sobre a implantación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, os grupos da oposición e o Partido Popular volveron a cruzar reproches polos pactos duns e outros a nivel estatal mentres debatían, cun ton que se elevou por momentos, unha moción presentada polos socialistas sobre medidas para combater a violencia económica cara ás mulleres vítimas de malos tratos.

A moción, debatida na tarde deste martes na sesión plenaria que acolle o Parlamento de Galicia, quedou rexeitada finalmente polos votos do grupo maioritario, o PPdeG, que expresou o seu malestar porque o PSdeG incluíse no primeiro punto o rexeitamento a "calquera tipo de pacto ou coalición" con formacións políticas que neguen a violencia de xénero.

A deputada popular María Ángeles García Míguez afeou, como xa fixo durante a mañá a súa compañeira de grupo Paula Prado, que os grupos aludisen aos pactos do PP con Vox noutros lugares do Estado para atacar aos populares e escudouse en que en Galicia, os populares "só pactan cos galegos nas urnas" pois o partido de Santiago Abascal non ten representación na comunidade.

"Hoxe (este martes) lles vale calquera tema para falar de pactos", indicou García Míguez, para a continuación apelar aos socialistas galegos que "rexeiten" que o seu partido pacte con Podemos, cuxo líder "dixo que azoutaría ata que sangrase a unha xornalista"; con "partidos independentistas que fomentan o odio entre homes e mulleres" ou "partidos proetarras" que "non condenan o terrorismo".

"Iso non lle parecerá á señora (Olalla) Rodil unha violación dos dereitos humanos", engadiu a continuación a parlamentaria popular en alusión á relación do BNG e EH Bildu. Terminado o debate, Rodil pediu a palabra para expresar o seu enfado porque "se acusase" ao seu grupo "de cometer un delito" por non condenar a violencia. Neste momento, o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, se viu obrigado a intervir para pedir calma aos deputados mentres oposición e PP cruzaban reproches fora de micro no hemiciclo.

"Contestarlle a vostede é unha perda de esforzo", replicó a deputada do PSdeG María Pierres en referencia a García Míguez, un xesto que tamén provocou malestar entre a bancada popular. En concreto, a moción defendida por Pierres, ademais de pedir o rexeitamento da Cámara a esas forzas políticas, solicitaba a creación dun paquete de medidas fiscais para evitar que as mulleres vítimas de malos tratos, tanto económico como psicolóxico, padezan o que se coñece como violencia ecómica.

Así, os socialistas expuñan que se impulsasen desde a Administración autonómica as modificacións necesarias das figuras impositivas para protexer a capacidade económica e patrimonial das mulleres vítimas de violencia de xénero e os seus descendentes.

E é que, como expuxo María Pierres, a violencia económica que padecen estas mulleres unha vez conclúen a súa convivencia cos seus maltratadores "impiden que rompan o vínculo coas súas exparellas" ao estar obrigadas a facer fronte a pagos do IRPF, hipotecas ou a facerse cargo de débedas ou embargos. O resto de grupos da oposición sumouse á moción dos socialistas, rexeitada polo voto en contra do PP.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS