Hemeroteca web
|
RSS
Mércores 22.05.2013
| Actualizado 14.10
Lume de enraizamento balsámico para velas mocosas de nariz en carne viva e constante formigo da intensa friaxe, menos mal que o lume era media mantenza, dicía o avó que amorriñaba con dedicación exclusiva.
Animados pola larada e uns sorbiños de augardente, naquela lareira todos eran contadores sempre que a idade e o prestixio así llo concedesen. O carrusel non se detiña, conto contado, pasa a quenda o que está ao lado.
Grandes contadores, mellores inventores, entre eles destacaban Manuel o caraminol, Andrés o expreso e Anxelo o da lingua calva. Ademais tamén participaban da roda outros moitos, entre eles destacaban o mestre Aquilino e Marcelino o divino. O divino por hábito non contaba, só anotaba, así a súa veceira era aproveitada polos outros participantes para mollar a palleta, intres de reflexivo silencio para que o escribente tivera tempo a actualizar as súas notas e de seguido continuar.
Aquilino, posiblemente por deformación profesional, sempre facía das súas intervencións lecturas con incontables explicacións, lector de hábitos e celme moi cultivada. A súa teima nocturna era fundamentalmente o tridente formado pola lírica de gran pureza e fondura de Rosalía, Castelao o médico que chegou ao fondo da alma do pobo e Otero Pedrayo considerado polo mestre como o posuidor dunha profunda prosa sensorial de grandes estímulos nunha terra de intenso arrecendo.
Lía o mestre a estes vates e na lareira todos gustaban da escrita, mesmo a maioría dende o seu mundo iletrado a comprendían, tamén ousaban empregala con posterioridade nas súas intervencións fronte as brasas, era lingua de seu, de terra propia que lle acaía moi ben a súa fala e tamén a propia terra para conservar a súa identidade.
Noite a noite, calquera noite, unha noite calquera, sempre de vagar era o tempo de contar, contar e escoitar a lingua viva, a fala activada enfrontada a unha larada permanente dende o equinoccio outonal a primaveral, sempre no caloriño morniño e loitando fronte ás almorrás.
Lareiras, corredoiras, carreiros, magostos, matanzas, raias, mallas,... foron os grandes lugares patriciados dun pobo que merece homenaxe día a día por manter viva a súa lingua. As charamuscas esvaécense no ar, mais as brasas deses rescaldos ardentes aínda seguen presentes no espírito da xente que fala a lingua herdada dos seus devanceiros.
Hoxe e sempre, por unha lingua sempre viva, día a día, no seu esplendoroso día, celebramos pasado, presente e futuro, dun pobo cunha fala que resiste os embates dunha tempestade que non cesa.
Na matricial Galiza sempre túa
que dende a Torre de Hércules ao Miño
un facho acederá por cada illa,
cando ti volvas polo mare;
de toxo unha fogueira en cada monte;
cando ti volvas polo mare;...
