Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 25.10.2014  | Actualizado 13.21

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CARTAS BOCA ARRIBA

Territorio da desaparición

DIANA VARELA PUÑAL  | 19.09.2011 
A- A+

É o título do poemario de Miguel Anxo Fernán Vello, traducido ó español polo poeta Xulio López Valcárcel e o profesor Luciano Rodríguez para a editorial madrileña Huerga y Fierro. O recoñecemento dunha obra cimeira da literatura galega sempre é unha noticia que recibimos con ledicia. Pois non deixa de sorprender a escasa acollida que a escrita nas linguas oficiais do estado español diferentes ó castelán, ten máis alá do seu lugar de orixe. Chega con botarlle unha ollada ós suplementos culturais dos xornais. En contadas ocasións verán nun diario madrileño unha recensión sobre un libro galego, catalán ou vasco, adoito tratados co mesmo alleamento cá tratarían unha novidade da literatura francesa ou alemana. Malia que as traducións facilitan o achegamento, tampouco somellan interesarlles demasiado, a diferencia do que comprobamos acontece con obras procedentes doutros países.

Atrévome a pensar que se presta máis atención á nosa literatura fóra das fronteiras españolas, cá en España mesmo. Recentemente a Universidade de Kiel celebrou un congreso sobre poesía galega, escolmando e traducindo ó alemán textos do propio Fernán Vello, de Xulio L.Valcárcel, de Manuel Rivas e de Xosé MªAlvarez Cáccamo. Hai abondosas e recoñecidas traducións de poesía galega ó italiano, ó francés, ó inglés... Pero a literatura española, a salvo contadas excepcións, repele con frecuencia achegas diferentes ás súas, tanto lles ten que aparezan dentro dos seus límites xeográficos. En certos sectores albiscamos unha insólita teima na ignorancia e a indiferencia.

Alguén percorre un labirinto, hai unha néboa mesta que refresca a boca ó tempo que o entristece. Derrubado o edificio da palabra cando só fican en pe a penas algúns versos do poema, aparece, coa súa desolación abafante, a conciencia de que os corpos non regresan. Expulsado continuamente de terras habitadas por unha grisalla hostil, loita por desentrañar o acertixo que o acorrala. Todos os mapas testemuñan aldeas esquecidas, latas oxidadas poboando como páxaros de mal agoiro a residencia do vacío, a industria da desaparición, fábricas inúteis cara as que o escritor camiña, como unha tentativa de regreso á orixe: o corpo é un tremor de raíces. Paira, como un mantra, a intuición de que o perseguen, unha sospeita que acabará confirmándose. A pel da casa é a memoria, e será ela quen abra unha fenda de esperanza. A patria, a fala que agroma a través da vella ferida do silencio. A esperanza nun territorio de acougo lonxe da desaparición presentida vérquese na semente, na seiva fervendo no sangue e na arxila. Son palabras, ideas recurrentes que exiliamos garimosamente do Territorio da Desaparición de Miguel Anxo Fernán Vello.

Árbores de cinza, mapas de soidade, oracións de pedra, a brisa dun sepelio edifíca a nada, arde o frío na carne de traballo vencida. Versos todos de Miguel Anxo Fernán Vello, agora traducidos ó español por Xulio L.Valcárcel e Luciano Rodríguez. Coñecedores sensibles do territorio inabarcable da poesía.


Diana Varela Puñal

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS