Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Terrorismo? É o petróleo, estúpido

JOAQUIM VENTURA  | 21.06.2017 
A- A+

Nestes tempos nos cales medio mundo anda á espreita da máis mínima expresión politicamente incorrecta, Donald Trump é un auténtico fabricante de exabruptos. Non vou negalo. Sen embargo, tal circunstancia –de constituír un problema- non é tanto polo que di como por aquilo outro que bota á opinión pública con frases aparentemente desafortunadas ou cargadas de noxo. 

Exemplo evidente, a acusación que fixo desde Arabia Saudí estante, sobre a implicación de Qatar no terrorismo xihadista. Acusación que me fixo lembrar ao comisario Renault, de Casablanca, cando exclamaba sorprendido que no bar de Rick se xogaba, mentres el recollía os beneficios de certas apostas.

Sostén Tomás Alcoverro, o veterano corresponsal de La Vanguardia en Beirut, que se alguén coida que entendeu a situación de Oriente Próximo é que non lla explicaron ben. Por iso, cómpre procurar as razóns da acusación feita por Trump. É público e notorio (xa o denunciou en 2014 o ministro alemán de Axuda ao Desenrolo, Gerald Müller) que Qatar, co seu emir Hamad ben Khalifa e o seu sucesor Tamim ben Hamad Al Zani á cabeza, financiou xenerosamente os mercenarios de Estado Islámico. Pero facer tal acusación en Riad supón, automaticamente, soster que a monarquía dos Saud nada ten a ver co terrorismo, cando tamén e evidente que financia o islamismo salafista, que xustifica a violencia, e que sauditas foron Osama ben Laden e os autores dos atentados do 11 de setembro de 2001.

Coa súa acusación, Trump daba luz verde para a réplica saudita contra Qatar uns días despois. Unha réplica acusatoria que pon en cuestión un certo pragmatismo por parte de Doha expresado coa televisión Al Xazira ou a Qatar Foundation, entroutras organizacións, ou nun discreto achegamento ao Irán. Iso non agocha as responsabilidades do emirato na financiación dos xihadistas pero procura unha certa homologación perante Occidente.

Un pragmatismo que dalgún xeito desmontaba os círculos viciosos presentes en Oriente Próximo: 1) Estados Unidos é aliado protector do goberno (maioritariamente chiíta) de Iraq, á súa vez en sintonía con Irán, país que dá apoio directo e indirecto ao réxime sirio de Baixar al Assad; 2) Estados Unidos é socio e protector de Qatar (onde ten a súa principal base aérea na rexión), país que tamén axuda a Hamas (inimigo de Israel) e aos Irmáns Musulmáns, reprimidos polo xeneral Sisi de Exipto; 3) Irán da apoio internacional e militar a Hezbolá, a formación armada chiíta libanesa, que axuda a Damasco a combater Estado Islámico; 4) Israel ten declarada esta milicia chiíta como organización terrorista pero hai sospeitas fundadas en que a intelixencia israelí (Mossad, Aman) pasoulle informacións obtidas vía satélite de posicións de Daesh en Siria; 5) Estados Unidos ten aos kurdos como aliados prioritarios para combater aos grupos xihadistas en Siria e en Iraq, malia que cos peshmergas sirios (YPG) combaten milicianos do PKK, os kurdos turcos, polo cal o goberno de Erdogan é hostil a tal apoio; 6) Qatar ben de solicitar apoio a Turquía fronte ao ataque de Arabia; 7) é indiscutible o pragmatismo de Hezbolá e de Hamas, practicamente inactivos contra Israel desde hai tempo, malia as restricións (especialmente enerxéticas) impostas por Netanyahu en Gaza.

Visto tal labirinto, ¿que razóns hai para a ruptura de Arabia Saudita e outros países musulmáns con Qatar? O primeiro que temos que facer é afastar o gran da palla e, verbo destes países, significa diferenciar petróleo de gas. Arabia ten o primeiro e Qatar, o segundo. Neste caso, nun xacemento compartido con Irán, polo cal a súa explotación precisa da conformidade persa, razón do achegamento. E recuncando máis, o papel de Trump. Descrido militante do quecemento global, o megacontrato de 100.000 millóns de dólares en armamento asinado con Arabia non sería viable se hai unha diminución do consumo de petróleo. Nunha hipotética loita entre produtos enerxéticos, o gas qatarí –menos contaminante- tería as de gañar fronte ao petróleo saudí. Cando Irán xa non depende tanto de petróleo, co gas compartido co Qatar podería gañar a hexemonía económica rexional e liderar as enerxías limpas na zona.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS