Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Teses e TFM

JOAQUIM VENTURA  | 18.09.2018 
A- A+

O asunto dos másteres falsos, arranxados e/ou concedidos pola Universidad Rey Juan Carlos de Madrid está a actuar a maneira de espello verbo da realidade dunha parte da sociedade –a de certos privilexiados- e do propio mundo universitario. Todo isto aproveitando a homoxeneización dos estudos de nivel superior, acordada na chamada “declaración de Bolonia”, en base a dous niveis curriculares: o grado e a especialización. O primeiro pasou a ter as características do ensino universitario anterior (subvencionado no caso das universidades públicas) quedando o segundo, monetarizado, dalgún xeito, en tanto que os seus prezos adoitan seren elevados e exentos de bolsas. E amais, paso obrigado para encetar e acadar o nivel de doutoramento.

E esa foi a base para que –presuntamente- a URJC segregase unha parte dese segundo ciclo nun organismo de xestión privada, o Instituto de Derecho Público, desde o ano 2001, cando o centro universitario que lle dá cobertura aínda –fundado en 1996 por iniciativa da Comunidade de Madrid- aínda estaba gobernado por unha comisión xestora. Este IDP pasou a ser –á vista dos casos Cifuentes e Montón, e presuntamente Casado- unha tapadeira para obter un mestrado sen apenas máis esforzo que o de –naturalmente- pasar por caixa para abonar a matrícula.

Agora chegan os tempos dos laios pola que parece nefasta xestión por parte do seu director, que viría provocar unha perda de confianza no conxunto do sistema universitario español. Unha impresión esta que –penso- non suporía desprestixio se non fose porque chove sobre mollado. Moitas universidades foron terreo –por activa ou por pasiva- das máis diversas corruptelas: desde o abuso da figura de profesor asociado para colocar a amigos ou protexidos ata permitir –grazas á lexislación vixente- docentes sen máis horizonte que a xubilación.

Digo isto porque padecín algunha destas arbitrariedades. Cando en 1993 rematei a licenciatura, despois de cinco anos de combinar traballo, familia e estudos, tiña pensado descansar un ano antes de encetar a andaina do doutoramento. Daquela, tiven a petición do director da sección de filoloxías galega e portuguesa –que considerou facerma pola amizade que nos unía e nos une- para que non demorase o comezo dos cursos de doutoramento porque senón había risco que a sección perdese unha praza de docente.

Aceptei o sacrificio e aquel inverno encetaba o primeiro dos dous cursos. Non abrigaba esperanzas que aquela praza fose para min xa que, por diversas razóns, estaba en mellor situación un profesor que eu tivera nos últimos cursos de licenciatura e que daquela xa estaba –en teoría- a preparar a súa tese. O certo é que unha compañeira daqueles cursos, profesora daquela na UAB e doutora por esta universidade desde 2002, augurou que aínda eu remataría antes a tese que aquel profesor. E así sucedeu: eu a defendín en 1997 mentres que el non o fixo ata o ano 2000. Por informacións que recibín, tivo que renovar os créditos porque os que tiña lle caducaron ao exceder o prazo de presentala.

Engadamos a iso que cara a 1998 coñecín que se convocara unha praza de profesor asociado na área de filoloxías galega e portuguesa. Información que non me chegou desde esta sección. Puntuaban tres apartados: publicacións, experiencia docente e programa curricular. Este estaba constituído por dous apartados: un ambiguo “Lingua galega II” e outro moi concreto: “A influencia da materia de Bretaña na literatura galega” que, oh casualidade!!!, era o tema da tese de doutoramento da candidata proposta pola sección. Unha profesora que estaba a ocupar praza de lectora e que xa fixera un período de lectorado en Alemaña.

Gañei o apartado de publicacións (vinte anos despois e malia non ser profesional do ensino teño o dobre de traballos publicados recollidos en Dialnet). Como estaba claro que a praza estaba concedida a priori, gañar en publicacións animoume a presentar un recurso por uso fraudulento dunha praza de profesor asociado. Naturalmente, non foi admitido cunha escusa calquera pero o catedrático tivo que recoñecerme que no caso de aceptar o meu recurso, a universidade tería que anular duascentas convocatorias semellantes. Un tipo de prazas que hoxe constitúen el 35% do persoal docente universitario. E sen falar da endogamia.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS