Hemeroteca web
|
RSS
Martes 22.05.2012
| Actualizado 12.06
As consellerías que máis reducirán os seus presupostos, en termos relativos, co recorte anunciado pola Xunta derivado "dos incumprimentos" do sistema de financiamento autonómico serán as de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (un 5,6% de rebaixa e 30,6 millóns menos), Cultura e Turismo (5,3% e 7 millóns menos) e Economía e Industria (4,2% e 11 millóns menos), co fin de que o Executivo galego poida "pagar as facturas e preservar o gasto social", que se verá reducido nun 0,4%.
Así o indicou en rolda de prensa a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, quen recordou o anuncio, feito polo presidente, Alberto Núñez Feijóo, de que a Xunta reducirá o gasto en 129 millóns de euros e se endebedará por outros 114 (que non computan no déficit) para afrontar a negativa do Goberno central de transferir este exercicio os 243 millóns de euros do Fondo de Cooperación.
Fernández Currás explicou que o axuste será finalmente de 103,5 millóns, mentres que 25,5 rebaixaranse ao peche do exercicio ben con maiores ingresos, ben con aforros en partidas que non se poidan executar.
Agora os departamentos de Sanidade, Educación e Benestar (integrado na Consellería de Traballo) sufrirán un recorte do 0,4%, que se acometerá atrasando obras de mellora e reparación e reformulando partidas de axudas públicas que non teñen a demanda esperada. En concreto, a área sanitaria perde 14,2 millóns; a educativa, 8,7; e a de Traballo e Benestar, 17,8 millóns.
A titular de Facenda defendeu que a Xunta foi "responsable" ao incluír o Fondo de Cooperación nos presupostos de 2011 da Comunidade galega, posto que son partidas que "chegaron" en 2009 e 2010 e o Ministerio de Economía e Facenda "estivo preto de reconsiderar esta postura" de non facer o ingreso ata 2013. Non foi ata o Consello de Política Fiscal e Financeira do pasado xullo que se confirmou que este diñeiro non sería transferido, argumentou.
Así, a conselleira indicou que, de dispoñer do Fondo de Cooperación, o déficit acumulado por Galicia no primeiro semestre sería do 0,58%, en lugar do 0,92% que figura nos cálculos do ministerio. Ademais, reiterou que antes de fin de mes estará presentado o recurso de inconstitucionalidade para reclamar ao Goberno central 805 millóns do sistema de financiamento.
O recorte representa o 1,2% do presuposto galego, que acumula un descenso do 11,8% en relación a 2010. A rebaixa total é de 1.280 millóns de euros e deixa as contas da comunidade en cifras similares ás de 2006. En calquera caso, a titular de Facenda defendeu que o axuste presupostario se fixo "blindando os servizos públicos fundamentais" e apuntou que as áreas de sanidade, educación e benestar caen un 0,4%, fronte ao 3% do resto de departamentos.
AREAS AFECTADAS
Ademais dos recortes mencionados, cae un 2% o presuposto dos órganos que dependen do presidente da Xunta (4,5 millóns menos); un 0,9% os fondos para a Consellería de Presidencia (1,8 millóns); un 1,1% os de Facenda (0,6 millóns); un 0,9% os de Medio Rural (4,7 millóns), un 1,3% os de Mar (2,3 millóns) e un 0,6% os gastos de diversas consellerías (0,3 millóns).
Fernández Currás dixo que en Educación non se verán afectados os programas de transporte escolar, comedores ou gratuidade de libros de texto, así como o decreto do pluriling~ísmo, o plan de formación do profesorado, ou a consolidación das unidades de investigación das universidades galegas.
En Sanidade "están garantidas" as partidas de receita farmacéutica, os programas de vacinación, os de saúde mental, a coordinación de transplantes e os equipamentos de atención primaria. Dentro deste departamento, os axustes afectarán aos servizos que achegan menos valor e a investimentos que non fosen iniciados.
Pola súa banda, en Benestar "blíndanse" o complemento das pensións non contributivas, a atención á dependencia, as escolas de cero a tres anos, a renda de inserción social, a axuda por fillo a cargo, as transferencias a concellos para centros de días e axudas de coidador e as subvencións a asociacións de minusválidos.
PRIORIDADE A OBRAS PROPIAS
A consellería cun maior axuste, a dirixida por Agustín Hernández, preservará a seguridade vial, as actuacións ambientais, os plans urbanísticos e a supresión de peaxes. Ademais, darase prioridade ás obras de titularidade propia e atrasaranse as que non fosen licitadas.
Entre os ingresos que espera obter o Executivo galego de aquí ao fin de ano están os procedentes polo novo imposto sobre o xogo online, para o que Facenda aínda non ten unha estimación, dado que está á espera da información que achegue o Ministerio de Economía.
