Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 16.08.2019 Actualizado 13:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Toda a Cámara urxe á Xunta medidas para reducir os plásticos en praias e no mar

O PSdeG esixe unha "aposta decidida" da administración para combater estes residuos e os seus riscos

SANTIAGO. EP  | 10.07.2019 
A- A+

Toda a Cámara apoiou este mércores unha iniciativa do PSdeG na que se reclama á Xunta adoptar medidas "inmediatas" para reducir a presenza de residuos plásticos en praias e fondos mariños.

No pleno do Parlamento, a deputada do PSdeG Patricia Vilán apuntou que non se pode depender soamente da "boa vontade de voluntarios" para actuar contra os residuos plásticos, senón que se necesita unha "aposta decidida" da administración.

Esta proposta tamén empraza a levar a cabo actuacións de formación e concienciación en favor da biodiversidade e os ecosistemas mariños.

Así, Vilán avisa do risco para os seres humanos pola inxesta de microplásticos, e referiuse a estudos que sinalan que se consomen unhas 37 partículas de plástico ao ano. De feito, para aqueles que fan un consumo moi elevado de mariscos poden acadarse ata as 11.000 partículas anuais.

De tal forma, mostra o seu receo pola postura do PP de "votar a favor de proposicións non de lei e logo non facer nada", polo que demanda á Xunta que actúe para a protección dos 1.500 quilómetros de costa galega e a biodiversidade ameazada.

POSTURA DOS GRUPOS
Gonzalo Trenor (PPdeG) informou de que o seu grupo apoia esta iniciativa, aínda que defende as medidas adoptadas pola Xunta. Entre outras cuestións, referiuse a que en 2020 estará en marcha a lei para frear o impacto de plásticos en Galicia, polo que é "responsabilidade" de todos os grupos "ter unhas das mellores leis que se pode ter "neste ámbito.

Pola súa banda, Marcos Cal (En Marea) defende que "o mar ten que deixar de ser un vertedoiro", pero a Xunta "segue mirando para outro lado", pois a conservación do medio ambiente "non está entre as súas prioridades".

Nesta liña, Luís Bará (BNG) reprochou que o lixo mariño é "unha das caras máis evidentes do actual sistema económico de usar e tirar". Por iso, "é necesario un plan público con medios públicos, pero con financiamento das empresas que "son as principais responsables".

Finalmente, Davide Rodríguez (Grupo mixto) cargou contra a "mala xestión" de residuos da Xunta sen medidas para "frear esta auténtica desfeita".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS