Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Touriño e Laxe participarán no lanzamento do "laboratorio de ideas" do PSdeG para "a Galicia dos anos 20"

Caballero apela a "traballar en contacto" coa sociedade civil para "articular un goberno para a maioría do país" despois das autonómicas

SANTIAGO. EP  | 09.12.2019 
A- A+

Os expresidentes Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe participarán este sábado no lanzamento do "laboratorio de ideas" co que o PSdeG quere "conectar" a sociedade civil co partido para solicitar "as reflexións, razoamentos e proxectos que permitan articular un goberno para a maioría do país" despois das eleccións autonómicas de 2020, unha cita coas urnas que, para o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, abrirá "un novo tempo político" na comunidade.

Así o indicou este luns o secretario xeral do PSdeG durante a presentación en rolda de prensa na que presentou 'Idea Galicia', o 'think tank' promovido polos socialistas galegos para traballar na construción "da Galicia dos anos 20".

A primeira xornada deste "laboratorio de ideas" terá lugar en Santiago este sábado 14 de decembro. Alí estarán os exmandatarios Touriño e González Laxe, que arrouparán á dirección do PSdeG nun acto presentado pola xornalista Noelia Otero --que se encargará tamén da coordinación do propio laboratorio-- no que tamén participarán o director da Adif, Isabel Pardo de Vera, e o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo.

Após o arranque da xornada, terán lugar dúas mesas de debate ao redor de dúas ideas: a construción de "unha Galicia sustentable" e a aposta pola "innovación". Na primeira sentarán os catedráticos da Universidade de Vigo Xosé Carlos Arias e Emilio Fernánez Suárez, o fiscal delegado de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, e a propia responsable de Adif.

A segunda, centrada en captar "ideas" para "pensar" a "Galicia innovadora" do futuro, contará coa participación da decana da Facultade de Educación da USC, Carmen Fernández, o exrector da Universidade compostelá e catedrático de Ciencias Senén Barro, ademais de Elisa Ausín, membro da plataforma 'PACs en pé de loita'.

"PSDEG, AO SERVIZO DE GALICIA"
"O Partido Socialista é un instrumento ao servizo de Galicia", aseverou Caballero, que apuntou que o lanzamento desta iniciativa estaba previsto para comezos de ano, pero as sucesivas convocatorias electorais pospuxeron a súa posta en marcha.

"Queremos os mellores diagnósticos e as mellores propostas para gobernar e conseguir unha Galicia máis dinámica e máis prospera", subliñou, antes de avanzar que as próximas edicións do laboratorio de ideas abordarán de maneira "trasversal" asuntos como economía, educación, sanidade, cultura, demografía ou medio rural, entre outras cuestións.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS