Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Reproban ao "sátrapa" Lores

Traballadores de Elnosa denuncian ante o Parlamento que o BNG "quere pechar" a súa empresa

SANTIAGO. EP  | 13.09.2017 
A- A+

Media ducia de traballadores de Elnosa deuse cita este mércores ante o Parlamento de Galicia para criticar ao BNG, ao que acusa de "querer pechar" a súa empresa, e para cargar contra o "sátrapa" Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.

En declaracións a Europa Press, o presidente do comité de empresa, Avelino Martínez, relacionou a súa protesta fronte á Cámara, coincidindo co pleno, cunha pregunta do Bloque sobre o proxecto sectorial de incidencia municipal que se está tramitando para permitir que Elnosa continúe na súa localización máis aló do mes de decembro, cando caduca a súa autorización ambiental.

Esta iniciativa parlamentaria, tal e como sostivo, súmase á intención do Concello de Pontevedra de "pechar a empresa" sen dar "ningún tipo de alternativa" aos traballadores. "Hai que esixir ás administracións que requiran ás empresas para cumprir a lei, como está a facer a nosa, pero que manteñan o traballo", defendeu Avelino Martínez.

Desde o convencemento de que "é denigrante vir ao Parlamento a pedir o peche de empresas", incidiu en que os traballadores seguirán "pelexando" polos seus empregos. "Non nos van a calar, nin dun partido nin doutro. Seguiremos defendendo os nosos postos de traballo póñase quen se poña diante", salientou.

Como indicou, Elnosa supón uns 70 contratos na comarca de Pontevedra "estables e de calidade", e soporta uns 200 postos tendo en conta a actividade indirecta. "Non andamos sobrados para desperdiciar iso", concluíu o presidente do comité de empresa.

"SÁTRAPA LORES"

Ademais, nun manifesto repartido durante a protesta, os traballadores lamentan "vivir día a día sendo a diana cara á que apunta e dispara" o Concello de Pontevedra e que "se utilicen recursos públicos para litigar contra a permanencia dos postos de traballo".

"É indecente que un sátrapa (persoa que abusa da súa autoridade para conseguir o que desexa) como o alcalde Lores pretenda arruinar as nosas vidas", prosegue o texto, no que se asegura que os traballadores seguirán "pelexando" polo seu "futuro" fronte á "violencia institucional" que sofren.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS