Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

o futuro "depende" da sociedade

A tradutora americana Kathleen March espera "non ver a morte do galego",

SANTIAGO. EP  | 17.07.2015 
A- A+

Kathleen March, catedrática de linguas modernas da Universidade de Maine en Estados Unidos e tradutora de autores de Galicia ao inglés, confiou en non chegar a ver "a morte do galego", unha lingua o futuro da cal dependerá da propia sociedade e do coidado do pobo para trasmitirla de xeración en xeración

Nunha entrevista concedida a Europa Press, March recordou que leva escoitando "preocupacións" sobre a desaparición do galego ou pola perda de falantes dende hai décadas e que, non obstante, aínda "segue aí", aínda que considerou que o destino do idioma "non depende dos políticos". "Depende de vós", engadiu.

"A xente podería falar máis, coidar máis a calidade da lingua, iso sempre, pero aínda está aí. Máis que nada teño fe na importancia da lingua, como parte da identidade galega", destacou, sobre a súa visión acerca da situación do idioma nos últimos anos.

March contrapuxo Galicia coa situación de Estados Unidos onde "o capitalismo está a facer estragos, en todos os sentidos", cunha sociedade "amante das grandes empresas", descoñecedor da historia e onde a cultura "non é cultura nin é nada".

"Mañá poderían dicir que todos imos falar a lingua de Mickey Mouse", ironizou, e que usou para constatar que Galicia "ten máis posibilidades de sobrevivir".

A pesar diso, si escoita e le as críticas de "moitos amigos" sobre a situación do idioma incidindo en que "os galegos que falan galego van poder manter viva a lingua". "Adiante co galego e a seguir tendo orgullo, non cuestionando a súa posibilidade de seguir en pe".

VISIÓN EXTERIOR

A tradutora tamén incidiu en que se incrementou o volume de estudosos de literatura galega no exterior, sobre todo a partir da "aparición de Internet e medios de comunicación" electrónicos que permiten ter acceso a obras ás que antes só podían acceder mediante a compra física en Galicia.

"Hai moito que se pode facer. Somos estranxeiros, e sabemos que existe unha cultura e unha lingua e podemos axudar, a valorar, visibilizar, e a traducir. Temos unha pequena cousa coa que contribuír nese sentido".

March acudiu a Santiago para participar no a XXVIII edición dos Cursos de Lingua e Cultura Galega para estranxeiros da RAG, na que falou sobre a súa investigación da literatura de viaxes por parte de escritoras anglosaxonas que acudían a descubrir a cultura de Galicia.

"Querían coñecer a arte, a historia, a arquitectura. Lían moito sobre a historia da Igrexa", engadiu, aínda que tamén "tiñan outro xeito de ver as cousas" e querían "falar coa xente, observar doutro modo".

Sobre todo, manifestou "moito interese" en comprender o xeito en que se achegaban á poboación para "coñecer as cousas da xente", a súa vida, dado que "practicamente non sabían" galego, e que en aquel tempo España aínda "non era obxectivo de moitos viaxeiros", polo que chegar a Galicia era "máis aínda un desafío".

"O POUCO GALEGO" QUE HAI EN MADRID

Tamén se referiu á polémica mediática sobre unha posible eliminación do nome de Álvaro Cunqueiro dunha rúa de Madrid en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, medida que non é oficial nin está confirmada polo Concello.

Neste sentido, cre que o debate sitúa os galegos "nunha situación difícil" e descoñece se hai "unha boa resposta", aínda que si destacou a Cunqueiro como "un bo escritor" do que se pode analizar, e "gozar" coa súa obra.

A pesar diso, considera que se esta medida se chega a efectivizar e quita "o pouco galego" que hai en Madrid se debería de substituír por outro escritor ou escritora de Galicia.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS