A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) facilitará en galego as probas teóricas para obter o carné de conducir, en virtude dun convenio subscrito polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e o coordinador da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) en Galicia, Pedro Pastor.
O convenio establece, en concreto, a promoción do galego nas actividades desta última na comunidade autónoma. Entre elas, figura, como novidade, as probas teóricas, cuxa tradución realizará "de forma progresiva" a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A firma do convenio, na Delegación do Goberno, estivo presidida polo delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, e contou tamén coa presenza do subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entre outras autoridades.
TRADUCIÓN DE EXAMES
O convenio establece, como novidade, o que se faciiliten en galego, a quen así o solicite, as probas teóricas para obter as diferentes autorizacións para conducir, tras a tradución oficial que realizará a Secretaría Xeral de Política Lingüística , segundo informa a Delegación do Goberno en Galicia.
A tradución das máis de 15.000 preguntas que integran os novos exames da DXT realizarase "de forma progresiva" polos servizos oficiais de tradución da Xunta de Galicia. Ao mesmo tempo realizarán a revisión lingüística dos cuestionarios que xa foran traducido antes da firma deste convenio.
FOMENTO DO USO DO GALEGO
Por outra banda, a Dirección Xeral de Tráfico comprométese a fomentar o uso da lingua galega nas relacións cos cidadáns e a empregala nas mensaxes emitidas a través dos paneis de mensaxe variable dependentes do Centro de Xestión do Tráfico do Noroeste
Pola súa banda, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, comprométese a traducir ao galego outros textos utilizados na actividade administrativa "e apoiar e asesorar en relación cos aspectos lingüísticos e terminolóxicos".
Así mesmo, Consellería e DXT constituirán unha comisión de seguimento para a interpretación e avaliación das accións derivadas do presente convenio e que estará integrada por dous representantes de cada unha das partes.