Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 23.07.2019 Actualizado 20:44
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O transporte de residuos sólidos urbanos de Sogama comeza unha folga indefinida

Traballadores denuncian a "precarización" das condicións laborais e o despedimento de oito empregados

SANTIAGO. EP  | 15.04.2019 
A- A+

Os traballadores do servizo de transporte de residuos sólidos urbanos de Sogama comezan este luns unha folga indefinida ante a "precarización" das condicións laborais.

Representantes do comité de folga de Transportes Pacholo S.L., empresa que se encarga do transporte deste tipo de residuos (domésticos e urbanos), rexistraron a convocatoria de folga a semana pasada após unha asemblea con 60 votos a favor e ningún en contra, segundo informou a CIG nun comunicado.

O sindicato censurou que Transportes Pacholo despediu a oito traballadores en resposta ás denuncias de acoso laboral que os empregados realizaron durante meses.

Con todo, a CIG sostén que "esta non é unha decisión de Transportes Pacholo", senón que "os culpables están máis arriba". Sinala en concreto "a Copasa, Sogama e ao propio Partido Popular, que foi quen deseñou o un modelo de subcontratas que precariza as condicións laborais á conta dun peor servizo para repartirse os beneficios".

SABOTAXES
Esta fin de semana, empresas subcontratadas pola UTE Renfe-Copasa-Logirail, adxudicataria do transporte de lixo a Sogama, denunciaron ante a Garda Civil de Ordes (A Coruña) os danos supostamente causados a varios dos camións cos que prestan o servizo de forma regular.

Nun comunicado, estas entidades aseguraron que os vehículos estaban aparcados nunha nave industrial e preparados para continuar operando durante a folga convocada desde as 00,00 horas deste luns polos traballadores de Transportes Pacholo, a subcontrata que executa o maior volume de carga por estrada.

En concreto, conforme sinalaron, apareceron picadas as bombonas que dan estabilidade aos camións, "deixándoos inutilizables por graves riscos de seguridade". Por iso, indicaron que puxeron a disposición da Garda Civil as imaxes das cámaras e os informes dos vixiantes da zona, para localizar aos presuntos autores.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS