Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O tratamento da violencia simbólica no xornalismo supón un reto para os profesionais e a igualdade social

A deconstrucción do xornalista e a creación de "unha rede de contactos feminista" resultan fundamentais para "desmantelar a misoxinia"

A profesora da Universidade Autónoma de Barcelona, Isabel Muntané, no congreso 'Medios de comunicación e igualdade'
 - FOTO: EUROPA PRESS
A profesora da Universidade Autónoma de Barcelona, Isabel Muntané, no congreso 'Medios de comunicación e igualdade' - FOTO: EUROPA PRESS

SANTIAGO. EP  | 28.11.2019 
A- A+

Profesionais do ámbito xornalístico e profesoras de universidade como Isabel Muntané sitúan o tratamento da violencia simbólica, "a cotiá, aquela que é difícil de identificar", como un dos grandes "retos" presentes nos medios de comunicación que deben abordarse para conseguir "a igualdade na sociedade".

Esta foi un das principais mensaxes que xornalistas de distintos medios de comunicación trasladaron durante o congreso 'Medios de Comunicacion e igualdade', que se celebra en Santiago este xoves e venres e ao que tamén acudiu, entre outras personalidades políticas, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.

Ao longo da xornada, as diferentes conferenciantes estiveron de acordo en afirmar que se foi mellorando no tratamento dos crimes machistas, que a finais do século XX tratábanse como meros sucesos e a día de hoxe reflíctense dunha maneira específica avalada pola lei e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Con todo, Isabel Muntané asegurou que "a punta do iceberg" son os asasinatos e que "a violencia simbólica, a que entra polo inconsciente é moito máis difícil de descifrar" e é a que máis segue presente nos medios de comunicación.

Exemplificouno aludindo a "eses titulares" que informan "o logro" da "esposa de ou da filla de", esas mulleres sen nome; así como "os espazos de estilo de vida" dedicados ás figuras femininas, que "perpetúan os estereotipos e a mirada androcéntrica" na que "o home está no centro e nós somos as outras".

Para xornalistas como Irene Bascoy, a misión da súa profesión tamén é "formar". "A igualdade debe empezar na primeira páxina do xornal e terminar na última", debe ser "transversal". A isto tamén se referiu López Abella, que insiste en trasladar as boas praxes ás noticias específicas que aborden crimes machistas, pero tamén "á forma de traballar a información" no seu conxunto, que debe contar con "óptica de xénero".

COMO FOMENTAR A IGUALDADE?
A "présa" nas redaccións, as "presións" e a "carga subxectiva" á hora de escribir con perspectiva foron cuestións sinaladas por xornalistas de diversos medios como puntos sobre os que traballar para poder "fomentar a igualdade de xénero" dende os medios de comunicación.

Muntané tamén puxo o foco na presenza de voces femininas en espazos como os da opinión, nos que "os homes están sobrerrepresentados". Aludiu a un estudo catalán para afirmar que o 77% da opinión dos xornais está escrita por homes. Neste sentido, a xornalista Marina Salgueiro avala que "se loita todos os días porque unha muller escriba" neste tipo de seccións "e custa moito".

Elas sinalaron á conciliación familiar como un dos problemas das mulleres xornalistas á hora de ter voz nas seccións de opinión da radio ou da televisión, xa que moitas veces vense limitadas para asistir a faladoiros ou programas que inflúen na creación da opinión pública.

A liña que separa o "amarelismo" da "información necesaria" para publicar unha noticia sobre un asasinato, tamén foi comentada neste congreso. Son moitos os debates que se abriron durante a xornada e "é moito o camiño que queda por andar" para os medios de comunicación e para a sociedade en xeral, relataron algúns testemuños.

Con todo, Isabel Muntané está convencida de que os medios de comunicación "poden ser unha das vías máis eficaces para acabar coa discriminación", para "desmantelar a misoxinia" e "ancorar" a igualdade na sociedade. "O cambio de discurso virá dado pola capacidade de aplicar unha mirada crítica sobre nós e sobre os medios", engadiu.

DECONSTRUCCIÓN XORNALÍSTICA
Esa autocrítica á que se referiu a profesora da UAB, unha das protagonistas do evento, tamén estivo en boca doutras moitas conferenciantes. A "deconstrucción" do xornalista englóbase tamén nesa revisión interna da que parte o cambio.

"Vivimos nunha cultura empresarial marcada por unha organización patriarcal que nos esixe o máximo rendemento" supeditada a "unha política informativa marcada por intereses políticos e económicos", explica Muntané.

Anima a todos os profesional a "ser moi hábiles á hora de elaborar a información", "a crear unha rede feminista de contactos" para "recuperar un espazo de protagonismo nas noticias", a ser conscientes de que "desde o momento que nós collemos unha información sobre mulleres, estamos a influír" no resultado final que marcará ese camiño cara á igualdade.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS