Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Trens en carreira e castañas no lume

JOAQUIM VENTURA  | 09.09.2017 
A- A+

A metáfora do choque de trens entre os gobernos catalán e español está a piques de facerse realidade despois das súas sesións parlamentarias de hai uns días. Uns debates –por dicir algo- nos cales o fanatismo estivo do lado independentista. Fronte a iso, os esforzos dos grupos da oposición –non exentos de esaxeración tampouco- por argumentar xuridicamente contra o desaguisado organizado por Junts pel si e a CUP, coa complicidade aberta da presidenta da cámara, Carme Forcadell.

Un relato que tiña os perpiaños nunha reforma do regulamento do Parlament, aprobada antes das vacacións, que facilitase unha alteración da orde do día a petición de dous grupos. Dito e feito. Comezado o pleno, a portavoz de ERC solicitou que se modificasen os temas previstos coa introdución das leis de “desconexión”, proposta á cal Forcadell engadiu se había algún outro grupo que se sumase a ela: alguén da CUP ergueu a man.

O disparate estaba en marcha. Presentación dunhas leis cuxo contido a oposición apenas coñecía, para a súa aprobación en lectura única, sen apenas discusión de emendas e –o que é máis grave- sen considerar as advertencias dos servizos xurídicos da cámara e do Consello de Garantías Estatutarias verbo das ilegalidades de procedemento que se ían cometer.

Con ignorancia da máis elemental lóxica democrática –as maiorías cualificadas para os asuntos importantes- e dos dereitos das minorías, a apisoadora independentista impuxo o seu criterio.

Quedou evidente que as apelacións xenéricas a unha nova democracia, ao dereito ao votar, ás liberdades dunha nova nación eran puro fume retórico perante un comportamento autoritario. Estes días pasados, o independentismo perdeu a batalla das formas, das máis elementais normas de cortesía parlamentaria. Un comportamento que non asegura que nun hipotético (máis ben utópico) Estado propio o autoritarismo non estivese ausente.

Porque o recurso da intromisión dunhas leis descoñecidas para seren votadas con urxencia e por maioría simple non evita negar esas trampas ao solitario cometidas polos independentistas. Así, toda reforma do estatuto vixente esixe dous terzos do parlamento. E dun xeito semellante, estamos perante o paradoxo que Cataluña é a única comunidade autonómica sen lei electoral propia, por simple tacticismo da dereita nacionalista, a quen xa lle vai ben a desproporción en contra que padece a provincia de Barcelona. Moita independencia na boca pero o réxime provincial español segue a mandar, como con Isabel II.

A resposta desde o goberno central foi inmediata, seguindo a correspondente parte do guión deste esperpento: recursos ao Tribunal Constitucional, querelas e notificacións xudiciais. E, por riba, obviamente, leccións de democracia e de “Estado de dereito”. Pretendidas leccións que tamén deixan pálido a calquera observador ecuánime. Porque máis alá da cegueira –non esquezamos aquel “bóteme unha firmiña contra o estatuto catalán” ou o recurso no TC unha vez foi referendado-, o goberno de Mariano Rajoy ten o seu particular cuarto dos horrores.

¿Pode falar de respecto á lei un partido que estivo dopado con doazóns ilegais? Un partido 1) con todos os seus tesoureiros investigados menos un que despois de suceder a Bárcenas, pasou a presidir o Consello de Estado; 2) que mantén ao fiscal xeneral e ao ministro de Xustiza malia a reprobación do Congreso; 3) que amparou –ou tolerou polo menos- prácticas policiais mafiosas; 4) que en 2015 impuxo a súa maioría para que o TC tivese capacidade sancionadora, reforma feita por vía de urxencia e sen consideración algunha ás propostas da oposición...

Pero se todo isto semella un choque de trens, nada máis lonxe da realidade. Todo isto é como aquela canción do portorriqueño Catalino Curet: “Teatro, lo tuyo es puro teatro”. Porque por razóns diferentes pero simbióticas, cada quen está a levar ao extremo cadansúas propostas para que o outro lle resolva o problema, quen lle tire as castañas do lume.

Así, no lado independentista catalán, o PDeCat –sempre será a antiga CDC- está amortizado, sen militancia e sen votantes, con esa espada de Damocles do 3%, con dirixentes inhabilitados e con cargos de goberno “queimados” (velaí a crise de hai uns meses). O pulo á proposta independentista responde á palabra dada por Puigdemont (retirada anunciada) e á fuxida cara adiante dun partido en estado de fisión nuclear. E por parte de ERC, hai unha vontade soterrada para que o desgaste do PDeCat sexa unha realidade nas eleccións autonómicas que seguirán ao fin do “Procés”. O obxectivo é obter a vitoria (está cantada) e con ela, articular unha nova maioría parlamentaria nacional e de esquerdas que puidese reconducir una saída asisada ao conflito. É dicir, pactando con Madrid. En ERC son plenamente conscientes que a independencia é absolutamente inviable pero cunha diferencia, verbo dos ex-CDC: eles teñen autoridade moral, en tanto que independentistas contrastados, para tal recondución.

E por parte do PP que comanda Rajoy, o mesmo pero ao revés. Son sabedores da necesidade dunha reforma da Constitución que permita encaixar unha saída para Cataluña. Pero eles non lle poden dar pulo, nin polos seus votantes nin pola imposibilidade de acordala co PSOE. A solución, difícil pero plausible, sería engadir unha adicional quinta na CE que dese cabida a un novo estatuto para Cataluña, á maneira do retallado en 2010 e que lle recoñecese a súa condición de nación. Toda outra alternativa que supuxese abrir o melón sería moi perigosa. Navarros e, sobre todo, vascos andan á espreita, non fose que se puxesen en perigo as súas particularidades forais. Se cómpre un árbitro nese asunto, o PNV exercería gustosamente o papel.           

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS