Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.01.2019 Actualizado 13:27
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O Tribunal Supremo absolve de acoso laboral e prevaricación ao alcalde de Palas de Rei (Lugo) e ao seu predecesor

A Audiencia de Lugo condenara ao alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, a 9 anos de inhabilitación e 15 meses de prisión

SANTIAGO. EP  | 10.01.2019 
A- A+

A Sala do Penal do Tribunal Supremo (TS) anulou a condena imposta en xullo de 2017 pola Audiencia de Lugo ao alcalde de Palas de Rei, Pablo José Taboada, e ao exalcalde da mesma localidade, Fernando Alfredo Pensado Barbeira, así como a outras sete persoas, por delitos de acoso laboral a unha secretaria municipal e de prevaricación administrativa.

O TS estimou o recurso destes nove acusados por vulneración da presunción de inocencia e absolveunos dos delitos polos que foron xulgados e polos que o actual actual fora condenado a nove anos de inhabilitación e 15 meses de prisión.

Ademais, mantivo a absolución das outras dúas persoas que tamén foran acusadas e que xa foron absoltas pola Audiencia de Lugo.

En canto ao delito de acoso laboral, o Tribunal sinalou que entre os requisitos para declaralo probado estarían a realización de actos hostís ou humillantes contra outro, sen chegar a constituír trato degradante, que tales actos sexan realizados de forma reiterada e que se executen no ámbito de calquera relación laboral ou funcionarial.

Ademais, é necesario que o suxeito activo se prevalga da súa relación de superioridade e que os actos teñan a caracterización de graves.

"COMIDAS DE IRMANDADE" PARA "SUAVIZAR" FRICCIÓNS LABORAIS
En relación á necesidade de superioridade xerárquica, o TS indicou que tres dos cinco acusados por este delito ostentaban cargos cunha xerarquía inferior á denunciante. E en canto aos feitos atribuídos aos superiores, aos dous alcaldes acusados, "non poden ser constitutivos dun delito de acoso laboral, en tanto se reducen a convocar comidas de irmandade con obxectivos de suavizar a situación de fricción laboral que xurdira".

O TS explicou que os demais aspectos fácticos "carecen da entidade que require o tipo penal", xa que deben consistir en realizar actos hostís e humillantes, reiterados e graves. "Non se pode deducir máis que unha situación laboral tensa, da que todos os implicados son responsables", sentenciou o tribunal.

Pola súa banda, sobre o delito de prevaricación administrativa, o Supremo considerou que non concorre o tipo subxectivo, xa que se esixe obrar "a propósito".

Neste caso, a sanción que se acorda en pleno municipal contra a funcionaria, a parte de non constar a advertencia de ilegalidade do secretario, existía, pola contra, un informe do Director Xeral da Administración Local da Xunta de Galicia, que, ante as dúbidas expresadas polo alcalde, non soamente informaba senón suxería tal sanción, como terminación do expediente disciplinario aberto á secretaria municipal.

PROBLEMAS DENDE 2007
En 2017, a Audiencia de Lugo condenou a Pablo José Taboada a nove anos de inhabilitación para exercer cargo público por un delito de prevaricación e a outros quince meses de prisión por un delito de acoso laboral á secretaria municipal.

Os feitos denunciados pola funcionaria comezarían en 2007, sendo alcalde Fernando Pensado. A sentenza impúxolle a mesma pena por acoso, así como a inhabilitación durante oito anos polo delito de prevaricación.

O tribunal tamén castigou a outros catro concelleiros que aprobaran no pleno a destitución da secretaria cuxo posto foi ocupado por outro funcionario sen cualificación para el. No caso de acoso laboral, a Audiencia condenou a tres funcionarios municipais.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS