Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Triste adeus a Agustín Fernández Paz

Homenaxe a Agustín Fernández Paz no seu pasamento - FOTO: R.F.
Homenaxe a Agustín Fernández Paz no seu pasamento - FOTO: R.F.

RUTH FERNÁNDEZ  | 16.07.2016 
A- A+

 

Hoxe a miña achega será breve. Non máis que unhas liñas para lembrar ó amigo Agustín Fernández Paz, que nos deixou ós 69 anos. Son as tres e media da tarde e acabo de enterarme do seu pasamento, no seu domicilio de Vigo. Custa asimilar unha noticia así. Teño falado neste xornal de algunhas das súas obras, lembrando os momentos compartidos co autor, as cartas e as conversas por teléfono… e hoxe as bágoas esvaran polas miñas meixelas sen podelas conter mentres escribo estas palabras de condolencia á familia e achegados. Como xa dixen noutras ocasións coñecín a Agustín a través da lectura de ‘Cartas de inverno’, aproveitando o convite de Xerais a que os lectores se puxesen en contacto cos autores daqueles libros xuvenís incluídos na colección ‘Fóra de Xogo’. Axiña tiven carta de Agustín, cunha fotografía que gardo na caixa dos tesouros da infancia. Detrás desa viñeron outras cartas, substituídas logo polos emails e o teléfono.

Escribindo para cambiar a vida, para cambiar o mundo, o escritor Agustín Fernández Paz déixanos importantes obras, coas que manter viva a súa voz, como é o caso de O rastro que deixamos. Se necesitamos historias como necesitamos beber auga, se estamos feitos de pan e de novelas, se temos sede de palabras… que imos facer agora sen ti, amigo? Cada pouco alimentábasnos coas túas verbas, agora ficamos famentos, desamparados.

Sendo unha das figuras máis salientables da cultura galega, toda a sociedade está hoxe de loito. Con Agustín Fernández Paz Galicia perde a un escritor excepcional, cuxos libros son traducidos e reeditados constantemente, recibindo numerosos premios polas súas creacións, dende Contos por palabras ou Cartas de inverno ata Corredores de sombra ou O único que queda é o amor.

Nas miñas mans está a última novela que me enviou, A neve interminable, lectura que tiveron este ano algúns dos meus alumnos e tamén agasallo para algunha amiga. Hoxe é un día triste, moi triste. Esperemos que ti, Agustín, dende onde te atopes sigas alentándonos para que veñan mil primaveras máis para o galego, para a cultura de Galicia. Que a túa loita, que a túa ensinanza nos guíen no camiño. Unha aperta.

Ruth Fernández 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS